Jessica Mouzo: ″A información da COVID é de todos, non é patrimonio de ningún Goberno″
Jessica Mouzo é xornalista e traballa na delegación do diario El País en Catalunya. Licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela e realizou un Máster en Barcelona, cidade na que está a desenvolver a súa carreira. Especializada en temas de sanidade, leva desde o mes de marzo centrada nas informacións relativas á COVID-19 e aos avances tanto na investigación como no tratamento dos enfermos nos hospitais.
–Cal cres que debe ser o papel do xornalismo durante a pandemia?
Creo que non hai diferencia entre o papel que ten que facer o xornalismo coa pandemia e o seu papel no día a día nunha situación normal. Somos un servizo público, temos que informar á xente. Contarlles o que está a pasar coa maior honestidade posible, e poñer un pouco de orde –sobre todo neste momento– perante o aluvión de datos e alertas que nos van chegando. Penso que o valor engadido que temos que aportar na pandemia é precisamente o de ordenar: decidir que cousas hai que descartar, cales son importantes e cales están validadas.
–Fas referencia á validación das informacións, como se traballa con tantos datos diarios?
A incerteza facilita o auxe das fake news ou das noticias non contrastadas e do que se trata é de intentar buscar o gran entre a palla. Isto pásanos aos xornalistas e tamén aos sanitarios porque non podo imaxinar a cantidade de papers que están a chegar ás revistas científicas estes días... Estase xerando un volume de información e investigación tan alto que fai que todos teñamos que cribar. Todo o que nos chega a nós temos que facelo comprensible e convertelo nunha información práctica. Ao mellor é moi importante un descubrimento que axudará á vacina de tal laboratorio a facer tal cousa, pero é posible que de cara á poboación sexa máis necesario incidir en que os contactos estreitos dun caso de COVID positivo teñen que facer a corentena si ou si, independentemente do que diga a PCR.
"Estase xerando un volume de información e investigación tan alto que fai que todos teñamos que cribar"
–Fuches das primeiras xornalistas en acceder á UCI dun hospital coa pandemia, como foi esa experiencia? Porque houbo moitas críticas polas dificultades para informar desde a primeira liña da pandemia.
Eu entrei na UCI do Vall d'Hebron na primeira onda, que era a máis grande de España naquel momento, e agora na do hospital de Sant Pau. Ten que haber un equilibrio que é moi difícil de conseguir. Nós temos o dereito e a obriga de informar, e facelo desde a primeira liña para contar a historia... pero é certo que no contexto da pandemia, cunha situación moi complicada nos hospitais e un risco de contaxio moi elevado, penso que ten que priorizarse a saúde pública por enriba do dereito á información, igual que se fixo con outros dereitos fundamentais como a libre circulación.
Eu entendo mellor o hermetismo á hora de acceder á primeira liña dunha UCI, polo risco que supón, que a opacidade que hai en todas as Administracións co tema dos datos: é lamentable que tantos meses despois aínda teñamos problemas porque non coinciden as cifras do Estado coas das Autonomías. De feito, o que non comprendo é como podemos seguir agardando a que o Ministerio nos diga como afectou, en concreto, a pandemia ás residencias de maiores. Por outra banda, e volvendo á UCI, respecto que non se poida acceder para informar nos momentos de máis saturación, pero non entendería que non nos deixasen entrar en ningún momento da pandemia.
"Entendo mellor o hermetismo á hora de acceder á primeira liña dunha UCI que a opacidade que hai en todas as Administracións co tema dos datos"
–Ata que punto che facilitou o traballo diario ter os datos diarios da Generalitat catalana?
A min servíronme para saber como estaba a situación cada día en Catalunya, pero non para comparalo co resto de España porque as fontes de onde collen os datos poden ser diferentes e o momento no que se recollen tamén. Estamos no século XXI e practicamente todo está informatizado, os criterios para dar os datos deberan estar unificados. Isto é unha información de todos, non é patrimonio de ningún Goberno.
–Cres que a atención á COVID está provocando que se deixen de lado outros temas importantes?
Si, eu son redactora de saúde en Catalunya e levo oito meses que non escribo doutra cousa que non sexa a COVID. Iso quere dicir que non están pasando outras cousas? Para nada, hai moitas historias que estamos deixando de contar porque non hai tempo para máis, e tampouco hai espazo nos medios. Da mesma maneira que na sanidade están obrigados a deixar certas patoloxías nun segundo plano polo aluvión de doentes polo coronavirus, nós apartamos outras novas para atender o volume e a demanda de información que existe sobre a pandemia.
"Hai moitas historias que estamos deixando de contar porque non hai tempo para máis"
–Como levas o feito de non ir á redacción e ter que teletraballar?
Eu non entendo esta profesión sen interactuar cos compañeiros así que é do que peor levo. E xa van moitos meses sen que poidamos estar todos xuntos, o único que me salva son as reunións a distancia para organizar os temas de saúde do xornal. Creo que ao non poder confrontar os temas mentres estás a escribir perdemos moito, aparte de que agora temos unhas xornadas laborais enormes.
–Recomenda algo que poida servir para mellorar a cobertura informativa da pandemia.
Eu descubrín un grupo de investigadores da Politécnica de Catalunya que son expertos en epidemioloxía matemática, que desenvolveron un indicador do risco de rebrote que estamos empregando moito. Agora mesmo está polas nubes en todas partes, pero cando a situación estaba mellor axudábanos a ver o crecemento potencial da epidemia en función da velocidade de transmisión e a incidencia acumulada. Este grupo desenvolveu mapas interactivos de toda Europa e resulta moi cómodo para facerche unha idea global da situación.
ANA G. LISTE