O CPXG chama a medios e profesionais galegos á sumárense este luns 1 á iniciativa mundial de RSF e Avaaz contra o masacre de xornalistas en Gaza
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia súmase á iniciativa de Reporteiros Sen Fronteiras e Avaaz para denunciar os ataques selectivos contra xornalistas perpetrados polo exército israelí en Gaza, así como para esixir o acceso sen restricións da prensa internacional ao territorio da Faixa. Desde o Colexio chámase aos medios e profesionais de Galicia a unirse este luns 1 de setembro ás accións suxeridas para defender a profesión xornalística palestina, que consisten na difusión de mensaxes alusivas e nun minuto de silencio ás 12:00. A convocatoria xa conta co apoio de máis de 150 medios de comunicación en todo o mundo.
En resposta aos asasinatos de xornalistas producidos desde o inicio da ofensiva israelí contra Gaza, que teñen convertido este conflito bélico no máis letal da historia recente para a profesión xornalística, Reporteros Sen Fronteiras e Avaaz organizan o próximo luns 1 de setembro unha iniciativa mundial en defensa do xornalismo en Gaza. Baixo o lema “Se o Exército israelí segue a asasinar xornalistas a este ritmo, pronto non quedará ningún en Gaza para informarte”, propóñense distintas medidas de visibilización para os medios de comunicación, así como a realización de concentracións de xornalistas.
En concreto, propóñense para os medios de comunicación as seguintes accións:
- Na prensa escrita: publicar o lema da campaña ou unha mensaxe de adhesión na portada, co espazo e elementos gráficos que se consideren (preferentemente, un fondo negro) ou apoiar a iniciativa con contido informativo e/ou editorial nas páxinas interiores.
- Nos medios dixitais ou as versións dixitais dos medios tradicionais: incluír un banner na páxina de inicio coa mensaxe e reforzar, se se quixer, con contido informativo e/ou editorial.
- Na televisión: difundir unha pantalla en negro (ou cos elementos gráficos que se prefira) coa mensaxe suxerida.
- Na radio: difundir unha voz en off, un metrónomo, un contador o un “mic check” acompañado da mensaxe suxerida.
- Nas redes sociais dos medios: Difusión do contido cos cancelos #ProtectJournalistsInGaza e #LetReportersIntoGaza, se así o valoran.
Porén, estas accións son só suxestións, e os medios son libres de apoiar a campaña con calquera outro contido. Desde as organizacións convocantes destacase que "o importante non é a uniformidade, senón a unidade".
Aos traballadores dos medios, ademais, convídaselles a protestar cun minuto de silencio e as expresións verbais, escritas ou gráficas que desexen, no seu lugar de traballo ou onde consideren, o mesmo luns 1 de setembro ás 12:00 da mañá.
A iniciativa conta xa co apoio de máis de 150 medios de comunicación duns cincuenta países de todo o mundo. O resto de medios que desexen sumarse poden escribir a prensa@rsf-es.org facilitando unha persoa e correo electrónico de contacto.
CPXG