Kómic Librería, Abeluria e Orixe, gañadores do Premio Manuel Beiras 2022

Foto de grupo das autoridades cos premiados e premiadas (Foto: Concello de Santiago)

Os Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial, en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregáronse este luns 21 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A libraría especializada en banda deseñada Kómic, a consultora Abeluria Sociedade Cooperativa Galega e o restaurante e tenda de ultramarinos Orixe foron os galardoados nesta XXIII edición. 

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron onte os premios da vixésimo terceira edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen o obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial e lembran a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García. O xurado dos Premios Manuel Beiras conta desde a súa creación no ano 2000 coa participación do Colexio de Xornalistas de Galicia, que estivo esta ano representado por Moncho Paz, membro do pleno territorial pola demarcación de Santiago.

Entre as empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Kómic Libreria, da que se destacou que "leva 35 anos guiando a súa clientela polo mundo das historias ilustradas e procurando que cada día máis o galego sexa parte dese universo creativo e a escolla das persoas que o transitan". Na categoría de nova incorporación ao galego o galardón recaeu Abeluria Sociedade Cooperativa Galega, consultora situada no rural que desde 2018 fornece servizos ás entidades de economía social. O xurado valorou que "na misión de contribuír ao fortalecemento do sector e das súas redes, emprega coherentemente o galego como soporte de traballo e vehículo dos seus valores". Finalmente, na categoría de empresa cunha comunicación innovadora, o premio distingue ao restaurante e tenda de ultramarinos Orixe por abordar "con sobranceira calidade unha estratexia comunicativa completa, presencial e virtual, na que a nosa lingua se presenta como parte esencial da marca".

Os galardóns foron entregados nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago e presentado polo grupo compostelán Os da Ría. O lema da edición deste ano foi "Prende o galego. Brilla con luz propia". 

CPXG