La Voz de Galicia cumprirá mañá 125 anos

O 4 de xaneiro de 1882, nun modesto piso da rúa San Andrés da Coruña, nacía La Voz de Galicia. O periódico fundado por Juan Fernández Latorre celebra os 125 anos deste fito cun programa de actividades sociais e editoriais que comezarán mañá e no que destaca a inauguración dunha rúa no centro da Coruña que levará o nome do presidente e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre.
A tradicional comida de Nadal que celebran os traballadores da corporación trasladouse este ano ó día 4 de xaneiro para convertela na festa de aniversario do periódico. Durante o acto, que comezará ás dúas da tarde no pazo de exposicións e congresos da Coruña, o presidente de La Voz entregará alfinetes e insignias de ouro ós 41 traballadores que cumpriron ou cumprirán no 2007 vinte e cinco anos na empresa.

Antes da comida, á unha da tarde, descubrirase a placa que dá o nome de Santiago Rey Fernández-Latorre a unha céntrica rúa da Coruña. O acordo foi adoptado de maneira unánime o pasado 30 de outubro polo pleno da corporación municipal coruñesa, a proposta do alcalde, Javier Losada.

Recoñecemento

Con esta decisión, o Concello quere realizar "un acto público de recoñecemento ó labor desenvolvido en beneficio da cidade" polo presidente de La Voz. No acordo plenario lembrouse tamén que Santiago Rey Fernández-Latorre é presidente da fundación que leva o seu nome, "cuxo obxecto é fomentar o coñecemento e a difusión da cultura, especialmente a través dos medios de comunicación en calquera dos seus soportes, e contribuír ó estudo, investigación, defensa e creación de medios de comunicación en Galicia".

Especial
Entre as iniciativas editoriais que se porán en marcha con motivo do aniversario destaca a publicación, mañá xoves, dun especial de 32 páxinas titulado 'Galicia en el siglo XXI' no que os articulistas de La Voz diseccionan a nosa realidade. A publicación está estruturada en tres bloques temáticos, '¿Quiénes somos?', '¿De dónde venimos?' y '¿Adónde vamos?', que respectivamente prologan Xosé Luís Barreiro Rivas, Ramón Villares e Roberto Blanco Valdés.

A CORUÑA
LA VOZ DE GALICIA