Lara Graña: "A verdadeira carga laboral para as seccións de Economía comezará cando xa non estean activas medidas como os ERTE ou o fondo de solvencia"

Lara Graña é redactora xefa do Faro de Vigo e responsable da sección de Economía do xornal, ao que se incorporou no ano 2012. Formou parte da redacción do desaparecido Xornal de Galicia, onde tamén exerceu como xefa de Economía, e de Praza.gal. Ademais é colaboradora tanto da radio como da televisión públicas galegas. A pandemia tamén puxo patas arriba as páxinas da súa sección, que chegou a incluírse durante os meses máis complexos no espazo que o Faro de Vigo dedicou especificamente á COVID-19.

–O confinamento total de 2020 chegou xusto á túa volta de cubrir o xuízo de Pescanova en Madrid, canto tardou a COVID-19 en meterse nas páxinas de Economía do Faro de Vigo?

Pois foi en seguida porque o primeiro real decreto que se aprobou, despois de ser aprobado o real decreto do estado de alarma en si, foi o que artellou a meirande parte das medidas que se puxeron en marcha ao principio para aqueles comercios que tiñan que pechar, os que eran considerados non esenciais. Esa enormísima carga xurídica que se publicou no BOE nos primeiros días de marzo nós tivemos que desenguedellala porque era imposible ir ao día completamente de todo. Por exemplo, o 29 de marzo, cando se paralizou todo excepto as actividades puramente esenciais, aquel real decreto coñeceuse ás doce da noite dun domingo. Lembro estar falando esa tarde con xente de empresas, sobre todo con estaleiros e empresas metalúrxicas, porque tiñamos que poñer todo en común. Naquelas primeiras horas había moito descoñecemento e ao principio non había ningunha forma de ir traballar, aínda que fora para parar as máquinas. Na mañá do luns iso quedou arranxado, pero serve como exemplo de como foron sucedendo as cousas. A actividade era frenética e por primeira vez na historia do Faro de Vigo non tiñamos páxinas de Economía rotuladas como tal. Os meus compañeiros, Adrián Amoedo e Julio Pérez, e mais eu pasamos a traballar exclusivamente para a sección da crise sanitaria. Todo foi coronavirus durante meses, de feito ata que comezou o verán non recuperamos a sección de Economía no xornal en papel. 

–Como foi debullar o BOE e o DOG nos inicios da pandemia?

Foi un traballo enriquecedor dentro do horroroso daqueles días. Creo que nunca se vai poder facer un balance positivo do que pasamos, pero traballamos moito da man con asesores xurídicos, responsables de clústeres, de traballadores que nos ían contando como se ían adaptando a esa carga normativa tan bestia e tan precipitada, moitas veces, para conter o avance da pandemia. Houbo que mirar moito a letra pequena no BOE, e aproveito para agradecer a todos os profesionais que nos axudaron. 

"Cando tivemos que traballar desde a casa precisamos que a xente fose os nosos ollos"

 

–Axudouche o feito de estar especializada en información económica e ter xa tecida unha rede de contactos previa?

Si, ademais eu teño a sorte de traballar cun equipo moi heteroxéneo e multidisciplinar. Desta volta compartimos moito, fixemos case como un gabinete compartido de contactos para cando un ou outro non traballaba. Aparte, en Faro houbo un ERTE que afectou aos meus compañeiros e única maneira que tivemos de seguir facendo unha información rica foi botar man de persoal de bufetes de avogados, asesorías xurídicas, empresas... incluso nos festivos e días de descanso. Estabamos traballando desde a casa e precisabamos que esa xente fose os nosos ollos. Facer un xornal desde a casa creo que é o contraxornalismo, penso que hai que saír á rúa e ver o que está pasando, pero naquelas primeiras semanas os nosos sentidos en xeral eran esas persoas que sí saían para arranxar ERTEs ou calquera tipo de documentación das axudas, tanto para autónomos como para empresas. Foi indispensable, non concibo o traballo que fixemos nesas primeiras sete semanas sen estas persoas que nos permitiron chegar a unha realidade á que nós non tiñamos acceso. 

–A pandemia está a ser un reto para a profesión, pero o confinamento foi especialmente complicado. 

Claro, é que moitos días estaba escribindo cousas que se caían e eu seguía na miña casa. Cando pechou a fábrica de Citroën, co que iso significa para Vigo, non tiñamos nada para escribir materialmente. Chegou un punto no que intentamos dedicar cada día un espazo a algunha información que non tivera relación coa COVID-19 porque a realidade era demasiado dura, aínda que non a estabamos vendo realmente. Seguro que foi infinitamente peor do que estivemos contando. Pero xa que non estabamos alí, tratamos tamén de facer algo diferente. 

–Cres que quedaron informacións fóra coa pandemia? Por exemplo no sector pesqueiro, que non chegou a parar en ningún momento.

Sempre tes ese risco, non estou segura pero pode ser facilmente. A páxina de Mar do xornal tamén estaba incluída na sección da crise sanitaria, que chegou a imprimir case 50 páxinas diarias. A xente do mar, que está acostumada a estar confinada nas grandes mareas, mandábanos ánimos a nós e fotos con mensaxes escritas en cartóns que tiñan abordo. Despois xa foi cando se recrudeceu todo na propia pesca, co problema dos relevos e os positivos nos barcos, pero toda esa cobertura si que fixemos. Hai pouco que recuperamos a sección de Mar no papel.

"A xente do mar, que está acostumada a estar confinada nas grandes mareas, mandábanos ánimos a nós"

 

–Que problemas atopaches no teu día a día de traballo no confinamento?

O maior problema que tivemos, aparte da loxística, pois tivemos que aprender dun día para o outro a traballar de maneira telemática, foi o feito de que compañeiros meus teñan estado en ERTE. Non houbo ningunha medida traumática de emprego ao final, todo o contrario, xa que acabamos de incorporar unha persoa á sección. Pero os meses do ERTE notáronse. Eu vivo soa e non tiven que compatibilizar cousas da familia co teletraballo e polo que me contaron non sei como as miñas compañeiras o lograron. Sempre fun moi fan das mulleres, pero despois desta pandemia sono moito máis. 

–Agora que pasamos do ano de pandemia, como levas o cansazo acumulado?

Eu pensei que o levaba ben, de feito estaba sorprendida do ben que o levaba porque si que me notaba fisicamente cansa, pero non lle daba importancia. Eu viña de estar oito semanas en Madrid polo xuízo e anteriormente estivera traballando de forma moi intensa co que estaba a pasar en Barreras. Pero pensaba que estaba ben e no verán resentinme de saúde a nivel de estrés. Hai que coidarse e non permitir que frivolidades relacionadas coa saúde mental teñan eco nos medios de comunicación. 

"En Economía recuperamos as caras da rúa para o xornal e penso que é o mellor que puidemos facer"

 

–Quizá unha consecuencia boa da pandemia é que o xornalismo se separou un pouco das polémicas e se centrou máis nos datos, como o ves ti?

Concordo, aparte nós apostamos por poñerlle cara ás nosas informacións e que non saíran sempre os mesmos: empresarios, presidentes de asociacións, expertos, asesores... O periódico ten que ser nuclearmente da xente, así estará pegado á realidade. En Economía recuperamos as caras da rúa para o xornal e penso que é o mellor que puidemos facer. 

–Cres que agora coas vacinas volverá a normalidade a sección de Economía?

A verdadeira carga laboral para as seccións de Economía vai comezar cando xa non estean activos os ERTE, os ceses de actividade extraordinaria dos autónomos, o fondo de solvencia, a moratoria concursal... Cando todas estas medidas estean fóra de aplicación imos ter unha bolsa de empresas que están activas unicamente porque tiveron asistencia financeira pero realmente non son solventes. E estas empresas teñen traballadores, activos, débedas... Espero que non sexan moitas, agora mesmo non sabemos cantas poden ser. Volveremos escribir moito de concursos, liquidacións e EREs. Oxalá me equivoque.

O ano pasado perdemos máis do 2% do PIB e estamos chegando a un endebedamento neto que imos tardar xeracións en poder devolver. Agora Bruxelas non está falando do déficit cero, pero volverá pedir recortes. Debemos ter optimismo porque vai haber un subidón económico cando a normalidade se recupere coa vacinación, pero non podemos perder de vista que hai empresas que non van poder sobrevivir, e esas empresas son xente e postos de traballo. 

ANA G. LISTE