Lara Graña álzase co V Premio Somos Esenciais cunha reportaxe sobre o ‘García del Cid’
Lara Graña, xornalista do Faro de Vigo, foi elixida gañadora do quinto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, pola reportaxe de investigación «"García del Cid", el buque de luto y cólera». A mención de honra recaeu en Ángel Paniagua polo seu traballo «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», publicado en La Voz de Galicia.
O xurado do quinto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', composto por Alexandra Kuntz Peiteado e Fátima Carmena Mayorga, Alba Chao Vázquez, Lara Dopazo Ruibal, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade o pasado martes 1 de xullo escoller como merecedor do galardón, dotado con 2.000 euros, o traballo de Lara Graña Prieto «"García del Cid", el buque de luto y cólera», publicado no Faro de Vigo o 15 de setembro de 2024.
Os membros do xurado quixeron destacar "o traballo de investigación realizado pola autora, co seguimento exhaustivo dun tema descoñecido para o gran público", que finalmente tivo unha repercusión a nivel estatal. Na acta da resolución deixase constancia de que esta reportaxe é un exemplo destacado de investigación xornalística "pola gran cantidade de documentación e de fontes manexadas pola xornalista", para rematar salientando que “Lara Graña representa, con esta peza, o espírito do galardón, cun xornalismo vivo e útil para a sociedade”.
No transcurso da xuntanza, acordouse conceder tamén unha mención especial como finalista a Ángel Paniagua pola reportaxe «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», publicada en La Voz de Galicia o 28 de xaneiro de 2024. Deste traballo o xurado destacou “o tratamento coidadoso e profesional dun tema delicado, fuxindo dos estereotipos e da estigmatización que adoitan rodear ao suicidio”.
Os membros do xurado sinalaron a alta calidade dos traballos presentados, que cun total de 25 propostas correspondentes a traballos de prensa, radio, televisión, fotografía e xornalismo dixital "confirman a necesidade de manter nos medios un espazo para a información social de calidade que achegue distintas realidades coa mirada analítica, crítica e contrastada do xornalismo".
A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data aínda por concretar. Ademais, como novidade nesta edición, o certame vaise completar coa celebración, no último trimestre do ano, dun seminario no que se pretende reflexionar sobre o papel esencial do xornalismo social en Galicia e o seu impacto na comunidade, así como recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia. O seminario, que será de asistencia gratuíta, vén a reforzar a mensaxe do Premio "Somos Esenciais”, e pretende ser un punto de encontro entre xornalistas e entidades do terceiro sector. Do acto de entrega e do seminario proporcionarase máis información proximamente polas canles habituais de comunicación do Colexio.
Premio Somos Esenciais
O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan.
Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal. O ano pasado, Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo, foi recoñecida como gañadora pola reportaxe «Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia», mentres que Carolina Sertal resultou finalista co traballo «Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade», publicado en Luzes.
CPXG