Lara Graña recibe este martes 23 na sede do Colexio o V Premio Somos Esenciais

Lara Graña, gañadora do quinto Premio de Xornalismo Somos Esenciais, e Ángel Paniagua, finalista, recollerán os seus galardóns este martes 23 de setembro ás 10:30 horas na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago. O premio está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis.

Este martes 23 de setembro ás 10.30 horas vai ter lugar, na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago (Rúa Ponferrada, 9, baixo), o acto de entrega do V Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' a Lara Graña, nun acto que contará tamén coa presenza da decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, e de María Eimil Méndez, representante de Comunicación de Gadisa. Entregarase tamén a mención de honra desta edición a Ángel Paniagua. 

Lara Graña foi a gañadora desta quinta edición do premio pola reportaxe «"García del Cid", el buque de luto y cólera», publicada no Faro de Vigo o 15 de setembro de 2024, da qu o xurado destacou "o traballo de investigación realizado pola autora, co seguimento exhaustivo dun tema descoñecido para o gran público" e a "gran cantidade de documentación e de fontes manexadas pola xornalista". Concedeuse tamén a mención especial como finalista a Ángel Paniagua pola reportaxe «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», publicada en La Voz de Galicia o 28 de xaneiro de 2024, polo “tratamento coidadoso e profesional dun tema delicado, fuxindo dos estereotipos e da estigmatización que adoitan rodear ao suicidio”.

O xurado do quinto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' estivo composto por Alexandra Kuntz Peiteado e Fátima Carmena Mayorga, Alba Chao Vázquez, Lara Dopazo Ruibal, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez.

Premio de Xornalismo Somos Esenciais

O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. 

Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal. O ano pasado,  Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo, foi recoñecida como gañadora pola reportaxe «Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia», mentres que Carolina Sertal resultou finalista co traballo «Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade», publicado en Luzes

CPXG