Máis de mil xornalistas 'freelance' de Galicia danse de alta no IAE desde 2022
Un total de 1058 persoas déronse de alta no epígrafe do IAE para xornalistas desde o ano 2022 en Galicia, o que a converte na quinta comunidade con máis xornalistas autónomas e autónomos, tras Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Con todo, no mesmo tempo producíronse tamén 521 baixas, cun saldo neto de 537 novas altas.
Máis de mil autónomas e autónomos inscribíronse en Galicia no grupo 863 do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) para xornalistas e outros profesionais da información e a comunicación, desde o ano 2022 no que se creou este epígrafe. En concreto, un total de 1058 persoas déronse de alta neste grupo, segundo os datos solicitados pola Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas: 220 no ano 2022, 371 no 2023 e 467 no 2024. Estas cifras inclúen tanto novos traballadores e traballadoras autónomas como as migracións desde outros grupos do IAE.
Con todo, neste período tamén se realizaron numerosas baixas, até un total de 521 en Galicia (113 no 2022, 186 no 2023 e 222 no 2024), o que pode interpretarse como unha consecuencia da falta de estabilidade laboral no sector da comunicación. En total, as cifras deitan un saldo neto de 537 novos xornalistas autónomos e autónomas nos últimos tres anos na nosa comunidade.
Galicia revélase así como a quinta comunidade en xornalistas autónomas e autónomos de todo o Estado, só superada por Madrid (8078 altas e 4281 baixas), Cataluña (5927 altas e 3082 baixas), Andalucía (2896 altas e 1410 baixas) e a Comunidade Valenciana (1896 altas e 898 baixas). No conxunto de España, producíronse ao longo destes tres anos 24374 baixas e 12354 altas.
CPXG