Manifestación este sábado 30 en Santiago "en defensa dos medios públicos"

O Comité de Folga da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) convoca este sábado 30 de novembro na capital de Galicia unha manifestación baixo o lema "CRTVG pública e plural: En defensa dos medios públicos". Desde o organismo dos e das traballadoras faise un chamamento "a toda a cidadanía galega" a participar da marcha, que vai saír as 12 do mediodía da Praza Roxa para rematar na Praza das Praterías. 

Esta manifestación encádrase na folga indefinida que se está a desenvolver na CRTVG desde mediados do pasado mes de outubro, a primeira na historia dos medios públicos galegos. O cadro de persoal está a realizar paros parciais todos os luns, mércores e venres, en horario das 11:15 ás 13:45 horas, para protestar contra a externalización da produción. Estes paros impediron en todas as ocasións a emisión do programa O Termómetro, un espazo externalizado que se programa a esa hora. 

Coincidindo coa data da manifestación, o Comité convoca tamén un paro para o sábado en horario das 8.00 ás 15.30, ademais dun segundo paro o domingo 1 de decembro desde as 16.30 até a medianoite. Ademais, de non chegarse antes a un acordo coa dirección, o vindeiro día 13 de decembro terá lugar unha folga de 24 horas, que afectará a todas as quendas da radiotelevisión galega. 

CPXG