Manuel de Lorenzo debulla as diferenzas entre xornalismo e literatura en 'Aprendamos a ler a información'
O xornalista e escritor Manuel de Lorenzo foi o convidado este martes de Aprendamos a ler a información, o programa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", que pretende ser unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar a través de diálogos sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios de comunicación.
Aprendamos a ler a información é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios adecuados e colocala nun contexto real socioeconómico, co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción. Para iso, estabelecerase un diálogo coas reclusas no que poidan explorarse tanto as publicacións dos autores como a análise da información diaria cos seus diferentes enfoques.
Nesta segunda xornada do programa, a intervención de Manuel de Lorenzo estivo centrada nas diferenzas entre o xornalismo e a literatura. "O xornalismo consiste (ou debera consistir) en contar a verdade, describir a realidade, relatar os feitos", explicou ás reclusas, mentres que "a literatura se move en dirección contraria: baséase na ficción, consiste en inventar unha historia". Dous conceptos que cualificou como "opostos, pero cunha relación tan estreita que son inseparábeis". Con todo, advertiu, "o xornalismo deteriórase no momento no que non sabemos se o que nos están a contar é certo ou se trata dunha historia inventada", posto que "se se trata do segundo, xa non é xornalismo".
Manuel de Lorenzo Paradela, nado en Ourense en 1981, presenta o programa da Radio Galega Música Cara B e colaborador na Radio Galega coa sección "Anecdotario". Escribe en xornais como El Progreso e o Diario de Pontevedra, ademais de en revistas como Jot Down ou CTXT. Vén de recibir o premio Julio Camba de Xornalismo na súa edición de 2022 e ten publicada a novela Todo lo demás es silencio.
No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto . O programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", desenvolverase neste centro até o mes de marzo do vindeiro ano, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.
CPXG