Manuel Rey gaña o Premio Somos Esenciais 2021
Manuel Rey Pan é o gañador do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2021, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, co podcast de GCiencia "O ano da pandemia". O xurado decidiu tamén conceder nesta segunda edición do premio unha mención especial como finalista a "Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa", unha reportaxe de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins para o dixital Xarda e o xornal portugués Público.
O xurado do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', integrado por Isabel Bravo Francos, Antía González Paredes, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Lucía Rodríguez Peña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade conceder o galardón ao podcast de Manuel Rey Pan "O ano da pandemia", publicado en GCiencia o 13 de marzo de 2021. O premio, dotado con 1.500 euros, foi convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis. Os membros do xurado destacaron a importancia deste traballo por "abordar a pandemia nun formato que está cada vez máis en valor nos medios de comunicación e pola súa visión ampla da pandemia que nos deixa un recurso atemporal do vivido nalgúns dos peores meses da pandemia".
Ademais, acordouse tamén conceder unha mención especial como finalista á reportaxe "Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa", da autoría de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins, publicada o 5 de decembro de 2021 no dixital Xarda, e tamén en portugués no xornal Público, un "exemplo de xornalismo transfronteirizo" nas palabras do xurado.
Os membros do xurado quixeron salientar a "alta calidade" dos dezanove traballos presentados ao premio, que "son un exemplo magnífico do labor realizado polos xornalistas durante esta longa época de pandemia, o que reforza o seu papel de colectivo esencial". A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data próxima aínda por concretar, da que se dará información a través das canles habituais.
O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, naceu en 2021 para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia, e recoñece o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público. Na súa primeira edición, resultou gañadora a xornalista Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitida na Radio Coruña - Cadena SER. Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia.
CPXG