Manuel Rey recibe este venres en Santiago o Premio Somos Esenciais 2021
Este venres 4 de novembro ás 17.30 horas vai ter lugar, na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago de Compostela, o acto de entrega do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2021, organizado polo CPXG en colaboración con Gadis. Manuel Rey Pan foi o gañador desta edición, co podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O acto contará tamén cos finalistas Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins, autores da reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público.
O gañador do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2021, Manuel Rey Pan, recollerá o seu galardón este venres 4 de novembro ás 17.30 horas na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo), nunha cerimonia que contará tamén coa presenza do decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e de Melisa Pagliaro Fernández, directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa. No mesmo acto entregarase a mención como finalistas a Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins.
O podcast de Manuel Rey «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», publicado en GCiencia, foi o gañador do certame por ""abordar a pandemia nun formato que está cada vez máis en valor nos medios de comunicación e pola súa visión ampla da pandemia que nos deixa un recurso atemporal do vivido nalgúns dos peores meses". O xurado decidiu conceder tamén unha mención especial como finalista á reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», da autoría de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins, publicada no dixital Xarda, e tamén en portugués no xornal Público, un "exemplo de xornalismo transfronteirizo" nas palabras do xurado.
O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, naceu en 2021 para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia, e recoñece o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público. Na súa primeira edición, resultou gañadora a xornalista Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitida na Radio Coruña - Cadena SER. Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia.
CPXG