Manuel Rico: "Os xornalistas teñen que ser activistas radicais en defensa do dereito á información dos cidadáns"

Manuel Rico é un dos referentes fundamentais do xornalismo de investigación e de datos en España. E iso nótase no seu traballo, sempre rigoroso, sempre exhaustivo. O seu libro ¡Vergüenza! relata o drama das residencias durante a pandemia e denuncia a salvaxe privatización da saúde e o benestar dos maiores. Nesta entrevista sustenta con cifras demoledoras un panorama apocalíptico creado co permiso das administracións públicas. O director de investigación de infoLibre, xornal dixital do que tamén é un dos seus fundadores, recibiu este 2021 o premio José Couso de Liberdade de Prensa que concede anualmente o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

–Como valoras o papel desempeñado polo xornalismo durante a pandemia?

Esa pregunta é de tese de doutouramento. Témome que non teño coñecementos suficientes para contestar con precisión. Pero, sobre todo, son un inimigo confeso das xeneralizacións. Dito iso, hai dúas cuestións que si me atrevo a afirmar: os medios que non facían un xornalismo honesto antes da crise, seguiron desprestixiando a profesión durante a pandemia, e o contexto xeral de crise que vive a profesión influíu loxicamente na cobertura realizada. Pero eu poño en valor que moitos medios e xornalistas fixeron un enorme esforzo por informar con amplitude e precisión. Por cumprir co seu oficio.

–O nivel de crispación da política está cada vez máis presente nos medios de comunicación, con xornalistas e colaboradores convertidos en hooligans dun e doutro bando. Ten isto solución? A credibilidade do xornalismo está en perigo?

O deterioro da imaxe do xornalismo nos 30 anos que levo exercendo esta profesión é evidente. Nos anos oitenta e noventa, o xornalismo tiña un recoñecemento social; agora ocorre o contrario. Os culpables dese deterioro, por suposto, somos os propios xornalistas. En primeiro lugar, eses xornalistas seareiros que prostitúen a profesión, claro. Pero a profesión no seu conxunto non soubo, ou non quixo, crear mecanismos para diferenciar a quen se dedica a informar, cos seus erros e as súas subxectividades, de quen se dedica a envelenar á sociedade e ao matonismo mediático. E iso dificulta moito que o público saiba distinguilos.

Pódese explicar cunha metáfora. Imaxínate que nalgunhas farmacias, en vez de medicamentos, desen veleno. No mesmo envase do medicamento. E en establecementos coa mesma cruz verde do resto de farmacias. Entre os cidadáns estenderíase rapidamente unha razoable sospeita sobre as farmacias, porque non saberían se os van a curar ou envelenar. Iso ocorre co xornalismo: no mesmo envase (formato), e en establecementos aparentemente idénticos (medios), uns dan veleno e outros tentan cumprir coa súa función. Unha función sinxela: aportar información que axude aos cidadáns a formarse un criterio e a adoptar decisións sobre cuestións relevantes.

"A profesión non soubo crear mecanismos para diferenciar a quen informa de quen envelena á sociedade e iso dificulta que o público saiba distinguilos"

 

–A dobre crise dos últimos anos (a económica de 2008 e a derivada da pandemia) súmase á xa permanente precaria situación dos medios e, sobre todo, dos xornalistas. Como albiscas o futuro?

Que a situación é agora peor que en 1990, cando eu asinei o meu primeiro contrato fixo en El Correo Gallego, é unha obviedade. Pero para a pregunta de como serán as cousas dentro de 10 ou 20 anos non teño resposta. Só hai dúas certezas. Primeira: o verbo clave para mellorar a situación é “loitar”; hai que dar todas as batallas que se poidan, as grandes e as do día a día. Segunda: sempre haberá unha parte da sociedade, por minoritaria que sexa, que buscará xornalismo de calidade.

–No caso dos medios dixitais, existe por fin unha decisión clara de ir a modelos de muro de pagamento e fomentar as subscricións? Como levades ese proceso en infoLibre, que foi dos pioneiros en España?

Durante sete anos, desde que infoLibre naceu en 2013 e ata 2020, berrábamos que o rei ía espido, pero ninguén nos facía demasiado caso. E a nudez era evidente, porque hai certamente moi pouca xente que decide que o mellor que se pode facer co produto do seu traballo é regalalo. Pero iso foi o que decidiron os donos dos medios dixitais en España: que era unha idea estupenda regalar o seu produto informativo. Agora a maioría cambiou de discurso, o que semella sensato, e creo que ante ese novo escenario a pregunta é outra: quen, cando e como creará o Netflix dos medios? Porque, como é lóxico, a inmensa maioría dos cidadáns non se vai subscribir a cinco dixitais.

"Ante o novo escenario a pregunta é: quen, cando e como creará o Netflix dos medios?"

 

–Pensas que a política informativa do Goberno e da Xunta durante a pandemia foi a correcta? En que cousas se equivocaron, que cousas deberon facer mellor?

O Goberno central cometeu tres grandes erros durante a pandemia. Primeiro, non lles deu ás residencias a mesma prioridade que aos hospitais, e debeu facelo. Ese foi o erro máis grave. Segundo, fallou gravemente no tema da transparencia dos datos, especialmente durante a primeira ola, cando non os fixo públicos a pesares de que os tiña. E, terceiro, debeu impulsar unha comisión independente que investigase que ocorreu durante a primeira ola, como solicitou, por certo, Amnistía Internacional. E tampouco o fixo.

En canto á Xunta, durante a primeira ola creo que adoptou a medida axeitada de crear centros específicos para os maiores con Covid, seguindo a recomendación da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Respecto á política informativa da Xunta, a miña experiencia é a seguinte: solicitei a principios de maio de 2020, mediante o portal de transparencia, os datos de falecementos desglosados por residencias en Galicia (e no resto de comunidades). Tiven que recorrer en dúas ocasións á Valedora do Pobo, quen aprobou dúas resolucións perfectamente fundamentadas desde o punto de vista xurídico, instando á Xunta a facilitarme eses datos. Logo da segunda resolución da Valedora, parece que a Xunta entrou en razón e declarouse disposta a entregalos. Pero o certo é que pasou un ano e, de momento, sigo sen eles.

–A información sobre a pandemia está deixando fóra da axenda informativa outros temas relevantes, que pasaron a segundo plano?

Creo que non. Estamos diante dun acontecemento tan impactante, con tantas consecuencias en todos os ámbitos da nosa vida, que é lógico que os medios se volcasen na súa cobertura. Os medios que tentan valorar axeitadamente as noticias, ademais, seguen informando sobre esas outras cuestións relevantes. E os medios-lixo responden á súa natureza, en pandemia e sen pandemia.

–E como está sendo o papel dos medios no proceso de vacinación? 

Cada medio ten a súa xenética. Os que teñen o ADN sensacionalista seguen ao seu, pero hai moitos outros tentando informar con honestidade.

"Cunha parte significativa dos medios estatais ríndolles as gracias aos extremistas, a cousa non pinta demasiado ben a curto prazo"

 

–A extrema dereita está poñendo nunha situación complicada a moitos xornalistas e medios que tratan de informar das súas actividades, mesmo con condutas que superan límites legais. Como se pode parar ou minimizar isto?

Os principais dirixentes de Vox e algunhas das súas propostas son profundamente antidemocráticas. O seu trato a todos os xornalistas que informan con honestidade sobre eles é antidemocrático: non responden ás súas preguntas, vétanos en actos do partido, cren que os insultan chamándoos “activistas”. Por certo, eu creo que os xornalistas teñen que ser activistas, en concreto, activistas radicais en defensa do dereito á información dos cidadáns.

A única forma de afrontar esa situación é denunciándoo, para empezar. E as empresas informativas vítimas do acoso e dos sinalamentos de Vox terían que levar aos tribunais todas as prácticas que atenten contra os dereitos constitucionais dos xornalistas e dos cidadáns. Pero, sexamos claros e realistas: cunha parte significativa dos medios estatais e dos xornalistas máis famosos ríndolles as gracias e branqueando ese discurso antidemocrático, a cousa non pinta demasiado ben a curto prazo.

–Están as audiencias dos medios en mans das grandes multinacionais da rede: Google, Facebook, Twitter?

As plataformas e as redes revolucionaron a distribución da información, sen dúbida, e polo camiño quedaron con boa parte da tarta. Pero antes da distribución, alguén ten que crear e xerarquizar esa información, e aí creo que o papel dos xornalistas segue sendo imprescindible. Así que haberá que buscar un novo equilibrio, onde as empresas informativas admitan que hai novos actores na distribución, e as plataformas dixitais recoñezan que deben apoiar a xeración de contidos de calidade para non ter que dedicarse á distribución de lixo e odio. 

–Por outra parte, está a propiedade dos medios cada vez máis en mans de multinacionais, grandes grupos ou inversores que só pensan en termos económicos?

A concentración é parte da realidade, pero tamén hai outra parte: unha das grandes revolucións de internet no ámbito mediático foi rebaixar a barreira de entrada e iso xerou múltiples proxectos informativos. Antes, crear un xornal de papel custaba varios millóns de euros se era un proxecto local e ducias de millóns se tiña un ámbito maior. Agora, no mundo dixital, esa cifra reduciuse nun 90%. Democratizouse a posibilidade de crear medios. Outra cuestión é o mundo das televisións, onde existe basicamente un duopolio, polo menos no ámbito estatal. 

Pero, sexa cal sexa o ámbito, unha “empresa informativa” non debe esquecer ningún deses dous compoñentes. É unha “empresa”, e polo tanto ten que obter nalgún momento rendabilidade para sobrevivir, pero é “informativa”, cumpre unha función social, serve a un dereito constitucional de todos os cidadáns e, en consecuencia, non pode sacrificar estas cuestións no altar do deus euro. 

"Creo que se pode facer xornalismo de investigación en medios locais e esa é talvez unha das vías para recuperar parte da credibilidade perdida"

 

–Cal é a saúde do xornalismo de investigación nun momento no que é máis necesario que nunca?

O xornalismo de investigación é custoso. En recursos humanos, en recursos económicos e en tempo. E, ademais, non sempre remata con éxito. Ás veces investigas temas que non van a ningunha parte, porque non podes demostrar a veracidade do que estás investigando. É fácil de entender que, con esas características, non é algo que a priori entusiasme a unhas empresas que levan anos e anos en medio dunha forte crise de modelo de negocio. 

Dito o anterior, son partidario de ‘desmitificar’ o xornalismo de investigación, nun dobre sentido. Primeiro, o xornalismo de investigación non é só o caso Watergate. Hai xornalistas aos que todo o que non sexa derrubar un goberno lles parece pouco. De feito, a maior parte do xornalismo debería ter certo compoñente de “investigación”. Segundo, e moi conectado co anterior, o xornalismo de investigación non é algo que incumba só aos grandes medios. Creo firmemente que se pode facer un gran xornalismo de investigación en medios locais, sobre moitísimas áreas que van máis aló da política e os políticos en sentido estrito, e esa é talvez unha das vías para recuperar parte da credibilidade xornalística perdida. 

–En que momento decidiches iniciar unha investigación sobre as residencias?

- Na segunda quincena de marzo de 2020, cando empezaron a chegar noticias sobre residencias onde se produciran ducias de mortes, en diferentes comunidades autónomas. Tiven o privilexio de que infoLibre me permitise estar liberado durante máis dun ano para investigar este tema, desde o que ocorreu durante a pandemia a quen fan negocio co coidado dos maiores. É algo infrecuente nos nosos días, por desgracia, pero estou convencido de que son as apostas informativas que deben facer medios como infoLibre. Competir por dar 30 segundos antes que os demais a última declaración dun político é absurdo. E os medios pequenos, ademais, aí son pouco competitivos. Nunha investigación como a das residencias, en cambio, un medio como infoLibre demostrou que pode ser igual de competitivo que calquera outro. E cumprir polo camiño coa función social que deben ter os xornalistas.

–Despois de 30.000 mortos nas residencias, percibes que a sociedade está sensibilizada?

Na sociedade compiten dúas forzas. Por unha parte, a pandemia sacou á luz unha serie de comportamentos de idadismo brutal. Xente que xustifica o que ocorreu nas residencias co argumento de que, como son vellos, ían morrer axiña de calquera maneira. Eu sempre me fago a mesma pregunta: dirían o mesmo se fose a súa nai ou o seu pai a persoa que morre desatendida, afogada na súa propia tose? Oe, quizais si, en todas as sociedades hai unha porcentaxe de seres miserables. O problema é cando eses seres miserables ocupan posicións de poder e, por tanto, de decisión.

Por outra parte, penso que esta hecatombe fixo que moitas persoas se sensibilicen, que se preocupen por coñecer a realidade do sector, que se mostren empáticas. E iso é fundamental, porque a condición primeira para resolver calquera problema é saber que existe. 

Iso si, é moi importante que a sociedade presione para mellorar de forma radical o actual sistema de coidado dos maiores. E é fundamental escoitar as voces dos propios residentes e dos seus familiares, que nalgúns casos levan moitos anos pelexando pola dignidade dos maiores, sen que os medios lles fixeramos demasiado caso. 

"Moitas empresas xestoras de residencias chegaron á pandemia con déficits crónicos en asuntos clave como o persoal"

 

–Como se puido chegar á situación que se viviu nas residencias?

No libro que escribín sobre o tema, ¡Vergüenza!, analizo cinco grandes causas. Primeiro, problemas estruturais previos, como o feito de que a atención primaria viva de costas ás residencias. Segundo, problemas que se detectan cando chega o virus: non hai EPI, non hai test para ver quen está contaxiado e quen non, o que impide dividir correctamente as residencias en zonas para persoas co virus e zonas para quen non o teñen. Terceiro, responsabilidades políticas, especialmente en Madrid e Cataluña, onde a xestión dos Gobernos de Ayuso e Torra supuxo unha violación inaceptable dos dereitos fundamentais dos maiores. Cuarto, responsabilidades de moitas empresas xestoras de residencias, que chegaron á pandemia con déficits crónicos en asuntos clave como o persoal, absolutamente deficiente para coidar ben aos maiores. E quinto, dous feitos obxetivos, que o virus era un descoñecido cun potencial mortífero enorme e que as residencias son lugares “deseñados” para contaxiar, non para frear un virus: moitos residentes teñen deterioro cognitivo, e non se pode alimentar ou cambiar o cueiro dunha persoa a metro e medio de distancia. Os centros teñen moitos espazos comúns e a maioría das habitacións son dobres; a precariedade laboral das traballadoras obrígalles ás veces a traballar en dúas residencias, sobre todo nas grandes cidades, unha mobilidade forzada que axudou á expansión do virus. 

–Pódese revertir o modelo de privatización salvaxe das residencias?

O 88,6% das residencias de España son de xestión privada, cifra que en Galicia está no 87,4%, case idéntica á media estatal. É posible cambiar isto da noite á mañá? Non. É posible revertir esa privatización case absoluta? Sen ningunha dúbida, por dúas vías. Primeira: construción de residencias de xestión pública, algo que as administracións levan décadas sen facer. Segunda: no caso das residencias de titularidade pública e xestión privada, regreso deses centros ao ámbito público cando rematen os contratos de concesión agora vixentes. Hai algún síntoma de que algo así vaia ocurrir? De momento, non.

–Cal é o perfil tipo das empresas que se dedican a xestionar residencias? Que hai detrás delas?

En España había, a 30 de setembro de 2020, 5.178 residencias de maiores e case 376.000 prazas. Algúns centros teñen máis de 200 prazas, mentres que outros non chegan ás 50. Unhas son propiedade de multinacionais, multimillonarios ou fondos de inversión, mentres que outras son unha actividad familiar. Ese é o cadro xeral. Agora ben, dentro dese cadro, desde hai cinco anos hai un acelerado e profundo proceso de concentración empresarial, ata o punto de que os oito principais grupos controlan o 17% das prazas totais. E tres deses oito grupos están en mans de fondos de private equity, que se dedican a realizar investimentos temporais e de carácter financieiro, algo que é gravemente prexudicial para a saúde do sistema residencial. E, por tanto, prexudicial para a calidade do coidado dos maiores. Especialmente, se a administración non cumpre coas súas obrigas.

"Se os cambios van dictalos as conselleiras delegadas dos grandes grupos, é sinxelo imaxinar en que vai a consistir o novo modelo"

 

–Falta control público no sistema de residencias?

É un dos principais problemas. As administracións autonómicas, que son as competentes, poderían realizar dúas actuacións no ámbito das residencias: prestar o servizo e controlar a súa calidade. Respecto á xestión, decidiron que estea en mans privadas, pero iso non as exime da súa outra gran responsabilidade: controlar que o servicio que se presta nas residencias sexa o axeitado. E iso conséguese de tres maneiras: cunha lexislación axeitada, cun modelo de inspección eficaz e cun réxime sancionador disuasorio. Nos tres ámbitos, a inmensa maioría das administracións autonómicas merecen un suspenso rotundo. Vexamos, por exemplo, o caso galego: parte da normativa é de hai décadas, hai 7 inspectores para controlar máis de 200 centros e nos seis anos que van de 2014 a 2019 impuxéronse en total 22 sancións firmes. Son datos que deberían provocarlle unha profunda vergoña a calquera administración.

–En caso dunha nova emerxencia sanitaria semellante, volvería a pasar o mesmo? Están facendo algo novo as administracións?

Exactamente o mesmo creo que non pasaría. Habería máis equipos de protección para os traballadores, quero pensar que os protocolos que ditaron e aplicaron algúns políticos desalmados non se volverían aprobar, entendo que se crearían centros específicos para tratar aos maiores en vez de pechalos nas residencias permitindo a expansión do virus. Agora ben, a práctica totalidade dos problemas estructurais seguen aí. E eses son os que hai que abordar, se queremos evitar que a próxima emerxencia sanitaria volva ter un impacto moi negativo.

Nalgunhas comunidades empezáronse a mover algo as cousas: en Navarra aprobouse un decreto foral que limita a un máximo de 130 o número de prazas nas residencias de nova construción e establece que alomenos o 80% das habitacións deben ser individuais; en Cantabria unha orde sitúa ese número en 120. Son medidas que van na boa dirección, pero afrontar o problema de verdade require aprobar unha lei de residencias en cada comunidade e cambiar en profundidade as leis de servizos sociais. O que debería levar aos gobernos e parlamentos respectivos a escoitar a todos os sectores implicados, empezando polos residentes e os seus familiares. En Galicia creouse unha comisión de expertos onde non están as asociacións de familiares. É abraiante. Se os cambios van dictalos as conselleiras delegadas dos grandes grupos, é sinxelo imaxinar en que vai a consistir ese “novo modelo”.

–Que historia persoal das que investigaches te impactou máis?

A maioría das historias de persoas que perderon un familiar durante a primeira ola da pandemia son moi impactantes, especialmente naqueles lugares como Madrid e Cataluña onde a maioría morreron sen recibir atención hospitalaria: en moitas ocasións enganáronos durante días dicíndolles que o seu familiar estaba ben, ata que de súpeto empeoraba e falecía en poucas horas; en vez de atención médica dábanlles mórficos para morrer; non puideron despedirse dos seus seres queridos, en ocasións nin sequera viron o cadáver. “É como se fose un desaparecido”, coinciden os familiares á hora de explicar como se sinten.

Máis aló desas traxedias, impactoume moito unha cuestión da vida cotiá: comprobar que nas residencias a maioría das habitacións son dobres. Cando asumimos como sociedade que un maior, cando entra nunha residencia, perde o seu dereito á intimidade e ten que pasar obrigatoriamente a compartir a súa vida cun descoñecido?

"Cando asumimos como sociedade que un maior, cando entra nunha residencia, perde o seu dereito á intimidade?"

 

–Ti fuches un dos impulsores do Colexio de Xornalistas no seu momento. Que valor teñen as entidades deste tipo nunha profesión tan individualista?

O xornalismo é unha profesión individualista que se exerce colectivamente. Para que algúns profesionais poidan brillar, hai outros moitos que fan un traballo menos recoñecido, algo que os primeiros non sempre valoran. Se vivísemos unha situación paradisíaca, as entidades como o Colexio serían imprescindibles, así que imaxínate na situación actual, de deterioro laboral profundo e de desprestixio acelerado da profesión. Por non falar do obvio: as melloras sociais e profesionais non caeron do ceo enviadas por Milton Friedman, son o resultado de loitas colectivas.

–Acabas de ser galardoado co premio José Couso. Que valor lle das a este recoñecemento dos xornalistas que votaron pola túa candidatura?

Todo o valor que se lle pode dar a un premio… e un pouquiño máis. Porque leva o nome dun xornalista cuxo compromiso coa profesión custoulle a vida nun crime de guerra; porque o deciden os compañeiros cos seus votos; porque influíu unha investigación como a das residencias, un tema cunha forte compoñente social; polos excelentes profesionais que foron premiados en edicións anteriores, de forma que é unha honra entrar nesa nómina, e porque o recibo en Galicia, a niña terra e onde me formei como xornalista. 

DARÍO JANEIRO