Manuel Rico: "Os xornalistas teñen que ser activistas radicais en defensa do dereito á información dos cidadáns"

Manuel Rico é un dos referentes fundamentais do xornalismo de investigación e de datos en España. E iso nótase no seu traballo, sempre rigoroso, sempre exhaustivo. O seu libro ¡Vergüenza! relata o drama das residencias durante a pandemia e denuncia a salvaxe privatización da saúde e o benestar dos maiores. Nesta entrevista sustenta con cifras demoledoras un panorama apocalíptico creado co permiso das administracións públicas. O director de investigación de infoLibre, xornal dixital do que tamén é un dos seus fundadores, recibiu este 2021 o premio José Couso de Liberdade de Prensa que concede anualmente o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

–Como valoras o papel desempeñado polo xornalismo durante a pandemia?

Esa pregunta é de tese de doutouramento. Témome que non teño coñecementos suficientes para contestar con precisión. Pero, sobre todo, son un inimigo confeso das xeneralizacións. Dito iso, hai dúas cuestións que si me atrevo a afirmar: os medios que non facían un xornalismo honesto antes da crise, seguiron desprestixiando a profesión durante a pandemia, e o contexto xeral de crise que vive a profesión influíu loxicamente na cobertura realizada. Pero eu poño en valor que moitos medios e xornalistas fixeron un enorme esforzo por informar con amplitude e precisión. Por cumprir co seu oficio.

–O nivel de crispación da política está cada vez máis presente nos medios de comunicación, con xornalistas e colaboradores convertidos en hooligans dun e doutro bando. Ten isto solución? A credibilidade do xornalismo está en perigo?

O deterioro da imaxe do xornalismo nos 30 anos que levo exercendo esta profesión é evidente. Nos anos oitenta e noventa, o xornalismo tiña un recoñecemento social; agora ocorre o contrario. Os culpables dese deterioro, por suposto, somos os propios xornalistas. En primeiro lugar, eses xornalistas seareiros que prostitúen a profesión, claro. Pero a profesión no seu conxunto non soubo, ou non quixo, crear mecanismos para diferenciar a quen se dedica a informar, cos seus erros e as súas subxectividades, de quen se dedica a envelenar á sociedade e ao matonismo mediático. E iso dificulta moito que o público saiba distinguilos.

Pódese explicar cunha metáfora. Imaxínate que nalgunhas farmacias, en vez de medicamentos, desen veleno. No mesmo envase do medicamento. E en establecementos coa mesma cruz verde do resto de farmacias. Entre os cidadáns estenderíase rapidamente unha razoable sospeita sobre as farmacias, porque non saberían se os van a curar ou envelenar. Iso ocorre co xornalismo: no mesmo envase (formato), e en establecementos aparentemente idénticos (medios), uns dan veleno e outros tentan cumprir coa súa función. Unha función sinxela: aportar información que axude aos cidadáns a formarse un criterio e a adoptar decisións sobre cuestións relevantes.

Accede á entrevista completa para colexiados e colexiadas aquí