Manuel Rico reivindica en Santiago o uso do xornalismo de investigación en todo tipo de informacións
Manuel Rico impartiu este martes o obradoiro Técnicas de investigación xornalística en tempos de IA, organizado polo grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ao longo de tres horas e ante unha sala repleta, o xornalista repasou as ferramentas dispoñíbeis para realizar xornalismo de investigación e defendeu o uso desta disciplina en todos os ámbitos da profesión.
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu a tarde deste martes 2 de abril o obradoiro Técnicas de investigación xornalística en tempos de IA, impartido por Manuel Rico. A formación, que durou unhas tres horas, estaba organizada polo grupo de investigación Novos Medios, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e xerou un grande interese entre a profesión, superando en moi pouco tempo o número de inscritos as prazas disponíbeis.
No obradoiro, Rico fixo unha panorámica das ferramentas que teñen á súa disposición ás e os xornalistas para obter información nos procesos de documentación, con especial referencia aos portais de transparencia e rexistros oficiais. O xornalista salientou tamén o feito de que os métodos de investigación non se aplican unicamente aos grandes casos que ocupan moitos titulares, como o dos papeis de Panamá, senón que permiten tamén publicar temas de grande interese en ámbitos como o local. A modo de exemplo, tratou polo miúdo algunha das investigacións realizadas por el mesmo, facendo especial fincapé na análise das mortes pola Covid-19 nas residencias, que se materializou nunha serie de reportaxes e no libro ¡Vergüenza!: El escándalo de las residencias.
O obradoiro estivo coordinado polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Beatriz Gutiérrez Caneda e Xosé López García. Ademais, na mañá deste luns, Manuel Rico impartiu tamén unha clase sobre investigación ao alumnado da materia de Movementos Xornalísticos, do cuarto curso do grao de Xornalismo.
Manuel Rico, recentemente nomeado director de Público, é un destacado xornalista de investigación galego, autor de numerosas exclusivas ao longo da súa traxectoria profesional. Nos seus trinta anos de carreira foi redactor xefe de Interviú, subdirector de Tiempo e director, director de investigación de infoLibre e correspondente en España do equipo transfronteirizo Investigate Europe, ademais de traballar en El Correo Gallego e nas delegacións de Galicia e Euskadi de El Mundo. En 2021, gañou o XVII Premio José Couso de Liberdade de Prensa.
CPXG