Mar Sánchez, directora xeral de Comunicación

O Goberno galego saído das urnas o pasado 1 de marzo pechou onte o seu organigrama coa designación de Mar Sánchez Sierra, como directora xeral de Comunicación. O presidente, Alberto Núñez Feijóo, felicitouse por pór "fin" a 55 días despois da súa toma de posesión, o 18 de abril, ao proceso de "adelgazamento histórico" na estrutura da Administración autonómica.
A xornalista Mar Sánchez Sierra (A Coruña, 1969), man dereita de Feijóo, asume a Dirección Xeral de Comunicación, tras a aprobación onte do decreto do nomeamento.

Ata a data era coordinadora de comunicación do PPdeG desde o 2006 e na pasada lexislatura foi conselleira da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), por proposta do grupo parlamentario popular. Licenciada en Ciencias da Información na Universidade de Navarra, Mar Sánchez traballou durante os anos de carreira na empresa Norsan S.L. e no xornal La Voz de Galicia. Tamén se encargou da comunicación das Xornadas Europeas da Xuventude, celebradas en Santiago de Compostela. Traballou no gabinete de prensa do Instituto Galego de Vivenda e Solo e foi responsábel de comunicación do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, do Ministerio de Sanidade, de Correos e da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Por outro lado, o presidente Núñez Feijóo aplaudiu onte a decisión do novo director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, de reducir "en máis dun 20 por cento" o número de altos cargos e xefaturas dos medios públicos, que considerou un exemplo de "austeridade".

AGN
SANTIAGO