María Piñeiro: "Non podemos permitirnos que os lectores se aburran da pandemia"

A periodista luguesa María Piñeiro é desde hai doce anos a encargada da información sanitaria no xornal El Progreso, onde tamén publica a sección ‘El Portalón’. Cubriu a Deputación de Lugo en tempos de Cacharro Pardo e foi correspondente oficiosa de La Razón na China. Esta primavera, en pleno confinamento, escribiu o manifesto do CPXG para o Día da Liberdade de Prensa. Con ela comezamos as conversas con xornalistas galegos que informan sobre a pandemia.

Viviches dous anos na China e segues interesada polo país. Viches vir a pandemia?

Si que empecei a ler sobre este virus un pouco antes, porque leo algún xornal chinés en inglés, pero non pensei que fose acabar así. En xaneiro ou febreiro recordo chamar un preventivista do HULA por outro tema, e acabamos falando tamén do que estaba pasando na China. 

Dícias no manifesto do Día da Liberdade de Prensa que “tivo que vir o BOE recordarnos que somos un servizo esencial”. Como está respondendo o periodismo a ese papel durante a pandemia?

Creo que estamos facéndoo ben. Eu atopo cousas que ler e ver que me interesan, aínda que desde logo hai que ser esixente escollendo o menú informativo. Creo que si corremos perigo de sobreinformación, especialmente nestes tempos de 'economía da atención'. Atópase moitísima xente que xa se desconectou dos medios, que di que xa non pode ver as noticias.

O que máis me preocupa é aburrirme e que os lectores se aburran, porque non podemos permitírnolo. A xente está farta e quere escoitar e ler outras cousas, pero non podemos tratar isto á lixeira, sen darlle a importancia que segue tendo, tal e como está a situación epidemiolóxica. Hai que manterse atenta e interesada.

"Penso que se debería teletraballar na medida do posible, e se non, ventilar moitísimo"

 

E ademais, hai que protexerse do contaxio. As redaccións son seguras?

Eu teño desde hai uns meses dúas teimas que me obsesionan, unha é o acceso aos datos e outra, a transmision por aerosois.

Empecemos cos aerosois.

Na miña empresa insisto moito con isto. Penso que é un erro xeral pensar que se pode recuperar a normalidade nos centros de traballo só con mamparas, distancia de seguridade e quendas, sen ter en conta os aerosois, que para moitos científicos son a principal vía de transmisión do virus. Nas oficinas hai que abrir as fiestras para ventilar, como están facendo nos institutos e nos colexios, aínda que haxa que dar clase co abrigo posto. Se nun centro de traballo hai unha persoa infectada durante a ventá de oportunidade para o contaxio e pasas unha xornada laboral enteira con ela, é moi posible que te infectes. Penso que se debería teletraballar na medida do posible e, se non, ventilar moitísimo.

E estase facendo? Nas redaccións e nos centros de traballo en xeral?

Un dos problemas é que a OMS segue sen dicir expresamente que os aerosois sexan a principal vía de transmisión e iso ten moito peso nos protocolos de países como España. O Ministerio de Sanidade ten un protocolo para as oficinas que permite aos traballadores que non traballan cara ao público quitar a máscara cando están no seu posto de traballo se se garda a distancia de seguridade... Non ten sentido ir con máscara por unha rúa baleira e quitala no traballo, onde se comparte un espazo pechado con máis persoas. Non ten sentido, pero é o que pon o protocolo e as empresas cumpren co protocolo.

"Gustaríame ter visto datos diarios como ofrecen outras comunidades; non só para os xornalistas, tamén para os cidadáns"

 

Falabas tamén da túa preocupación polo acceso aos datos. Moitos xornalistas e o propio CPXG pedíronlle máis transparecencia á Consellería de Sanidade.

Non son eu unha xornalista que lles saque moitísimo partido aos datos, como fan outros compañeiros en Galicia, pero si me gustaría ter visto datos diarios como os que comparten outras comunidades nas súas webs; non só para os xornalistas, senón tamén para os cidadáns. Ás veces parece que o que nos molesta é que La Voz de Galicia tivese acceso a datos que os demais medios non tiñamos. Claro que todos queremos ter máis información que os demais e tela antes, pero non é iso. O que me gustaría sería que a Consellería de Sanidade dese datos abertos, diarios, con moitos dos indicadores teñen en conta para aplicar restricións. A escusa do presidente da Xunta de que facilitar datos por concellos suporía nalgúns lugares case un sinalamento non ten ningún sentido. Pero se hai concellos nos que dá os datos de novos casos o propio alcalde!

Agora facilítanse máis datos.

Si, pero na miña opinión seguen sen ser suficientes. De que serven os datos por área sanitaria, que no caso de Lugo é toda a provincia, cando é evidente que a situación do concello de Lugo non ten nada que ver co resto? O que me sorprende moitísimo desta Consellería é que, sendo Galicia unha comunidade con bos datos, non queiran contalos. Ademais, cando se ofrecen datos pouco específicos pero as restricións si son moi localizadas, a xente non é capaz de prevelas. Eu vivo no barrio da Milagrosa e a mañá na que se estaba decidindo impoñer restricións, a xente estaba relaxadísima, pillou a case todo o mundo por sorpresa. Ninguén o vía vir porque non se foran mostrando eses datos. Ser transparente sempre é positivo, pero neste caso tamén axuda a que a xente acepte as restricións con máis facilidade.

Como foi cubrir o gromo no teu propio barrio?

Moi desagradable. O colectivo co que tiven máis problemas nesta pandemia foron os hostaleiros. Tiven chamadas dalgúns moi enfadados e conversacións moi tensas. Antes de que se detecte un gromo hai un goteo de casos que case se poden ir coñecendo a medida que se producen e o xornal ten que decidir como informar, se identificar os establecementos nos que houbo casos ou non. O criterio foi cambiando, pero ao final decidimos non mencionar os nomes a non ser que os propios establecementos o comuniquen. É o que eu lles recomendaría ás empresas, porque ese exercicio de transparencia penso que xera confianza na clientela.

"Ser transparente axuda a que a xente acepte as restricións con máis facilidade"

 

Cubriches os gromos na Mariña e en Lugo, fixeches seguimento da situación nos hospitais e residencias, entrevistaches doentes, sanitarios e científicos... Que informacións destacarías do teu traballo na pandemia?

Non sei dicir... Mira, unha información que pasou completamente desapercibida, pero que me gustou moito escribir: unha dobre páxina sobre cales eran nese momento os tratamentos que se estaban aplicando e como estaba a carreira das vacinas. Penso que era moi realista, porque os tratamentos que se están utilizando teñen resultados moi modestos e as vacinas van tardar, aínda que se consigan antes que noutras enfermidades. A produción dunha vacina é un proceso complicadísimo e moi longo, como se está comprobando. Ata agora, a vacina que se desenvolveu en menos tempo foi a das papeiras, e levou catro anos!

E que che quedou por facer?

Quedaron moitas cousas por ensinar, esa é outra das miñas queixas con respecto a esta Consellería. É moi frustrante para unha xornalista ver noutros medios reportaxes que tiñas en mente e que non podes facer porque non podes ir ao hospital, porque tes que facelo todo por teléfono. Para os fotoxornalistas aínda é peor, ver as fotos das UCI dos hospitais de Madrid, de Valencia ou de Mallorca e que na túa comunidade só haxa fotos de hospitais privados ou as que fan os propios ucistas. E claro, toda a vida vou defender o xornalismo local pero toda a vida vou ter envexa dos medios grandes, do New York Times, do Guardian... Penso que desde un medio grande se ten máis acceso a datos, a temas, a fontes... e a tempo! Con meses para facer unha investigación como non vai ser bo o resultado.

"Toda a vida vou defender o xornalismo local e toda a vida vou ter envexa dos medios grandes"

 

Máis fotos e reportaxes das UCI cambiarían a maneira na que a cidadanía afronta a pandemia?

Non o creo. Penso que este traballo hai que facelo ben e tomalo en serio, pero que non hai que tomar moi en serio o feito de ser xornalista. Esa idea de que imos cambiar o mundo... en fin. A nosa misión é contar as cousas e que a xente saiba o que está pasando, ou algo do que está pasando, ou algo máis do que sabía, pero non creo que a actitude da xente dependese de que se mostrasen esas imaxes; penso que é darse demasiada importancia. Ás veces nesta pandemia desde o xornalismo tendemos a arengar, a dicirlle á xente o que ten que facer, e a xente non quere que se lle diga o que ten que facer.

Pero a pandemia dalgunha maneira si reivindica a importancia da información sobre sanidade.

É unha especialización que a min me gusta moito porque interesa moito á xente, é algo que lles afecta. Ademais da práctica clínica, gústame falar da xestión, de como se organiza a sanidade pública. Hai quen dubida de que teña interese pero a min gústame saber como funciona realmente . E logo tamén me interesa moitísimo o que é puramente ciencia, a investigación.

"Predico co exemplo e pago as miñas suscricións a medios con moita alegría"

 

Recomenda algún recurso que poida servir para mellorar a información que se elabora sobre a pandemia.

Algo que hai que facer sempre que aparece un científico supostamente moi prestixioso é buscalo no PubMed, unha base de datos de publicacións científicas, para ver canto ten publicado verdadeiramente. Débese facer incluso con investigadores que aparentemente estean consolidados. E despois, a min axúdame moitísimo falar coa xente, pido moita axuda sobre como enfocar os temas ou con quen falar sobre algo. Uso moito o twitter, por desgraza, porque non me gusta nada, pero a verdade é que chego a moitas cousas grazas a el e aos médicos, científicos e xornalistas que sigo. Así ves que é o que lles preocupa e cales son os debaten entre os expertos. José Luís Jiménez, un dos principais divulgadores mundiais sobre a transmisión por aerosois, –que Piñeiro entrevistou en setembro para El Progreso– ten unhas discusións en twitter con virólogas da OMS que non se poden perder.

Despois dun ERTE, e coa delicada situación económica de moitos medios, como se ve o futuro do xornalismo?

Na miña vida profesional non recordo ningún momento no que non se dixese que o xornalismo estaba fatal, pero é verdade que agora si teño a sensación de que as cousas están realmente mal. Supoño que a clave está en que a xente estea disposta a pagar polo que facemos. Eu predico co exemplo e pago as miñas suscricións con moita alegría, e pillo uns cabreos monumentais cando me mandan un xornal por pdf.

BELÉN REGUEIRA