Marta Veiga Izaguirre: "É necesario que a covid comece a convivir con outras informacións que tamén son esenciais"
Asinou na revista Luzes unha serie de crónicas de carácter social sobre a covid apegadas á realidade galega, nun ano no que a tendencia era o xornalismo de datos e no que moitas veces foi máis sinxelo coñecer o que estaba a pasar en territorios a centos ou miles de kilómetros que no propio. Actualmente profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, Marta Veiga Izaguirre (Cantabria, 1978) tamén é investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia, cuxo portal de divulgación que preparadas unha serie de entradas sobre covid. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, fixo a súa carreira en medios como Diario de Pontevedra e El Progreso.
–Como lle parece que se cubriu informativamente a pandemia da covid?
A miña experiencia neste tema é fundamentalmente como lectora de prensa local. Consumín sobre todo información de medios de proximidade. Dende ese punto de vista, a miña percepción é que se fixo ben. Tamén é certo que a miña referencia principal foi El Progreso, que tiña como xornalista especializada en covid a María Piñeiro, que fixo un traballo boísimo. Quizais o que boto máis en falta, un ano despois, é que falamos moitísimo de complicacións sanitarias, de problemas de vacinas, de mutacións do virus, e igual estamos esquecendo a parte máis social: como unha pandemia deste tipo afonda nas diferenzas sociais, como as persoas con menos poder adquisitivo sufriron máis a pandemia e mesmo como nos influíu a configuración urbana que temos, que é moi hostil, con xente vivindo en pisos moi pequenos que se atopou cos espazos verdes comúns pechados. Todo isto debería facernos reflexionar sobre o deseño das cidades en Galicia. Temos algúns lugares cunha densidade de poboación tan alta como A Coruña e outros fóra do Eixo Atlántico, onde non existe esa densidade poboacional, configurados exactamente igual, o que non axudou nada a levar unha situación coma esta nin a controlar o esparexamento do virus.
–Concentrouse demasiado a atención nos datos en detrimento do xornalismo social e do xornalismo de rúa?
A análise dos números e facer un bo xornalismo de datos era imprescindible neste caso. O traballo que leva facendo Praza Pública dende o inicio da pandemia, neste sentido, é impresionante. E é súper importante facer boa información científica para axudar a divulgar o coñecemento entre a poboación: como funciona o método científico, como funciona unha vacina, como cando unha vacina chega á cidadanía está probaba e é segura, etc. Si que é verdade que quizais se descoidou un xornalismo máis social, pero non estou segura de se foi por falta de foco ou pola propia precariedade dos medios. Porque se non tes xornalistas suficientes para atender a todo, tes que priorizar. Aínda que a cuestión social sexa realmente moi importante. En saúde pública, o código postal é tan importante como o código xenético. No contexto dunha pandemia global é moi relevante. Probablemente nin houbo recursos suficientes nin moito tempo para pararse a reflexionar sobre todo isto. Para facer este tipo de reflexións a curto e medio prazo necesítase dunhas condicións que, no contexto do xornalismo galego actual, é complicado atopar.