Mil números de F5, o boletín de comunicación de Galicia do CPXG

  • Número 999 do boletín F5 nun computador
  • Logo do número 1000 do Boletín F5

O boletín electrónico F5, nado en outubro de 2002 e que envía ao remate de cada semana o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, chega este venres 28 de xullo ao seu número 1000. Co subtítulo de Boletín de Comunicación de Galicia, a newsletter achega a colexiadas e colexiados, xornalistas e público en xeral a información máis salientábel da semana dentro da profesión. 

Neste milleiro de boletíns publicados, a cita co F5 os venres (agás nos festivos, cando se traslada ao último día laborábel da semana) foi dando boa conta de toda a actualidade da comunicación en Galicia. Na liña daquelas newsletters de primeiros do século XXI, os primeiros boletíns era pouco máis que unha listaxe de ligazóns sobre comunicación, a meirande parte delas procedentes de sitios externos. Mais co avance do deseño dixital e o aumento dos contidos da web do Colexio de Xornalistas, até se converter nunha páxina de referencia sobre xornalismo, foi gañando protagonismo a información propia e o seu formato mudou no tempo até acadar o seu aspecto actual. Agora, o seu contido inclúe os comunicados e a actividade institucional, mais tamén as novas máis relevantes do mundo do xornalismo ou unha ampla axenda con premios, cursos, charlas, presentacións e outros eventos. Nestes case 21 anos, o F5 foi chegando cada vez a máis caixas de correos, até chegar aos máis de mil subscritores e subscritoras.

Con motivo deste número mil, o boletín desta semana inclúe dous textos realizados para a ocasión polo decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e o secretario Darío Janeiro Pereira. O decano asina unha saudación na que asegura que os contidos do boletín electrónico son "a mellor demostración de que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia segue a ser unha entidade viva". Pola súa banda, Janeiro destaca a "sensación agridoce" producida por unha hemeroteca do F5 que, ao tempo que mostra "a consolidación do Colexio de Xornalistas como actor relevante no sector da comunicación en Galicia" reflicte tamén "a deriva do xornalismo actual", marcada por cuestións como a desinformación, a crise de modelo ou a precariedade.

Se queres recibir o F5 Boletín da Comunicación de Galicia todas as semanas no teu enderezo de correo electrónico só tes que encher o formulario que atoparás ao pé da páxina xornalistas.gal. E para realizar calquera consulta ou cambiar o teu enderezo de correo, podes enviar un mail a xornalistas@xornalistas.gal.

CPXG