Últimos días para escoller a candidatura gañadora do XIX Premio Couso
Ás 14:00 horas deste venres 31 de marzo remata o prazo para que os colexiados e colexiadas do CPXG e as socias e socios do Club de Prensa de Ferrol poidan escoller a candidatura gañadora do XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa. As candidaturas propostas para o premio nesta edición son Mònica Bernabé, Marcos Méndez e Reporteiros Sen Fronteiras. Accede co teu contrasinal e vota aquí.
O XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, ten aberto ata as 14:00 horas deste venres 31 de marzo o prazo para votar entre as tres candidaturas: Mònica Bernabé, Marcos Méndez e Reporteiros Sen Fronteiras. Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación.
Mònica Bernabé é unha comunicadora catalá coñecida especialmente polo traballo que desenvolveu en Afganistán. Marcos Méndez é un xornalista lucense que está a cubrir a guerra de Ucraína en galego. Reporteiros Sen Fronteiras é unha ONG internacional de orixe francesa que defende a liberdade de prensa no mundo. Entre estas tres candidaturas se decidirá o XIX Premio Couso de Liberdade de Prensa.
Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. Se aínda non dispós das claves, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezaoito edicións anteriores foron para Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).