Mohammad Ali Hoseini nos Almorzos On/Off: "Aqueles que masacraron a xente afgá agora queren gobernar Afganistán"

  • Mohammad Ali Hoseini (centro), xunto a Francisco X. González Sarria, decano do CPXG (dereita) e Felipe González, que axudou coa tradución
  • Minuto de silencio pola situación en Afganistán

Mohammad Ali Hoseini, xornalista afgán refuxiado en Galicia, denunciou hoxe no Almorzo On/Off organizado no Liceo de Ourense polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) o carácter "terrorista e extremista" do réxime taliban e fixo un chamamento a que as distintas potencias non recoñezan o seu goberno. "Moitos xornalistas afgáns, antigos soldados do goberno e activistas da sociedade civil están hoxe en risco", asegurou.

Tras pedir un minuto de silencio pola xente do seu país "que está vivindo o terror e a pobreza", o xornalista afgán Mohammad Ali Hoseini comezou a súa intervención nos Almorzos On/Off destacando que "como reporteiro, adoito contar o que din os outros, pero hoxe quero falar eu un pouco". Deste xeito, trazou o relato da súa vida, desde o seu nacemento no exilio iraniano até o regreso en 2002 a un Afganistán golpeado pola guerra, onde "estabamos combatendo a corrupción do goberno e o terrorismo", pero onde tamén "queriamos estudar para construír o futuro do noso país". Esas esperanzas víronse truncadas por unha violencia que Hoseini exemplificou lembrando unha serie de explosións e ataques suicidas nos úlitmos anos a manifestacións, mezquitas, estadios, centros de ensino ou mesmo maternidades, incluída a que representou, nas súas palabras, "o pior día da miña vida": tres explosións producidas na sede da axencia Ava Press o 28 de decembro de 2017, onde 51 persoas morreron e máis de 90 foron feridas. "Ese día perdín moitos dos meus compañeiros e amigos, e se tivese estado na oficina non estaría hoxe aquí", afirmou. 
 
O sentido de rememorar todas esas explosións é, para Hoseini, salientar que "agora mesmo Afganistán está baixo o control da xente que fixo estas cousas, aqueles que masacraron a xente afgá queren agora gobernar Afganistán", polo que fixo un chamamento aos gobernos para que non recoñezan o réxime talibán: "son un grupo terrorista e extremista que non acepta o dereito internacional".  Neste sentido, lembrou casos como os dos reporteiros Taghi Daryabi, arrestado e golpeado por cubrir unha protesta feminina; Ali Reza Sharifi, atacado cando se dirixía á súa casa; ou Hamid Sighani, asasinado cunha bomba lapa, asi como outros xornalistas e activistas sociais, nunha situación especialmente dura para as mulleres. “Recibo a diario mensaxes de compañeiros en Afganistán pedindo axuda para sair de alí. Non podo axudalos máis que sendo a súa voz e pedindo aos xornalistas galegos que reproduzan esa voz”, afirmou. Deste xeito, reivindicou o papel das e dos comunicadores para dar a coñecer a realidade do seu país: "Creo que un reporteiro é sempre un reporteiro, estea onde estea. Eu quero seguir adiante, e ser a voz do meu pobo". 
 
Mohammad Ali Hoseini 
 
Mohammad Ali Hoseini é un xornalista de 24 anos procedente da provincia de Bamyan, ao oeste da capital. Malia á súa mocidade, ten unha ampla experiencia como xornalista desde que en 2015 comezou a traballar na axencia de noticias afgá Ava Press en Kabul, onde tamén exerceu un ano de director interno. O seu traballo, como o de boa parte das novas xeracións de xornalistas afgáns, estivo centrado na loita contra a corrupción e o terrorismo no seu país. Por causa diso, a axencia de noticias para a que traballaba sufriu no 2017 un atentado suicida, no que morreron ducias dos seus compañeiros. Cando o verán pasado os talibáns tomaron o poder, abandonou pola súa seguridade Afganistán xunto co resto da súa familia, logo de pasar cinco días no aeroporto nos que estivo axudando a sacar xente do país. Como un dos militares españois lle dixo no aeroporto de Kabul, agora ten que contar a todo o mundo as cousas que viu. 
 
Hoseini encóntrase refuxiado en Galicia grazas a un programa de Reporteiros Sen Fronteiras, que recibiu máis de 800 solicitudes de auxililo de xornalistas afgáns e presionou ao goberno para sacar do país, xunto coas súas familias, aqueles profesionais que se encontraban nunha situación máis vulnerábel. A situación no aeroporto de Kabul impediu evacuar a moitos outros, pero Reporteiros Sen Fronteiras mantén o contacto con eles, facendo un seguimiento específico de cada caso, e realizando xestións para refuxialos en lugares seguros. No que fai a aqueles profesionais xa acollidos, Reporteiros Sen Fronteiras encárgase de contactar con otras organizacións para facilitar a súa recepción, ofrecerlles un fogar e outorgarlles axuda psicolóxica, así como facilitarlles a aprendizaxe do idioma e un futuro formativo para que continuen coa súa vida laboral o antes posíbel.
 
Almorzos ON/OF
 
Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
 
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 
 
Demarcación de Ourense
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia