Moksín, Dinahosting e a Revista Pincha, Premios Manuel Beiras 2020 ao uso do galego no ámbito empresarial

Os Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial, en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregáronse a tarde de onte, luns 21 de decembro, no Reatro Principal de Santiago de Compostela. A Revista Pincha, a zapataría Moksín e a empresa de aloxamento web Dinahosting foron os premiados nesta XX edición. 

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron onte os premios da vixésima edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen o obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial e lembran a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García. O xurado dos Premios Manuel Beiras conta desde os seus inicios coa participación do Colexio de Xornalistas de Galicia, que estivo representado polo secretario da Xunta de Goberno, Darío Janeiro Pereira.

Na categoría de nova incorporación ao galego premiouse á Revista Pincha, da que o xurado destacou o "enfoque fresco e moderno para tratar na nosa lingua contidos de amplo interese social como a cultura e a gastronomía e achegalos especialmente ao público novo". Como empresa cun uso continuado do galego, distinguiuse a Dinahosting, por "poñer o galego nas tecnoloxías da información e da comunicación e contribuír a dotalo de ferramentas que o sitúen no panorama dixital, un dos retos principais da nosa lingua". Por último, a zapataría Moksín foi galardoada na categoría de empresa cunha comunicación innovadora "por implantar unha semente de lingua no corazón comercial de Compostela e no sector da moda e arrequentala cuns escaparates onde tradición e vangarda se colocan ao servizo dun relato que nos explica".

Os galardóns foron entregados nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago e presentado por Lucía Aldao e María Lado (AldaoLado), que contou tamén con representación do Colexio de Xornalistas. 

CPXG