Mónica Vila Ferreirós: "O único que queda é unha profesión que cada vez parece máis un gabinete de comunicación con condicións de traballo precarias"

Foto: Gaspar Somoza

A fotoxornalista Mónica Vila Ferreirós traballou na primeira liña da pandemia dende o seu comezo. Percorría as rúas, disparándolle á covid, cando a poboación estaba confinada. Corrían tempos difíciles, polo que fixo unha aposta en común xunto con outros colegas de profesión (Brais Lorenzo, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Miguel Muñiz e Miguel Riopa) para crearen unha memoria fotográfica desta crise en Galicia e hoxe anda metida noutro proxecto semellante con profesionais a nivel España. Nesta entrevista falamos sobre o estado de saúde do fotoxornalismo. Opina Mónica que hai escaseza de liberdade e de obxectividade ou que “as prexubilacións deixaron fóra aos profesionais máis experimentados e os temas de interese decídenos os  “Gústame” da Internet”. Desprega argumentos coma o que podemos ler máis arriba, na cabeceira, que fai referencia a unha “profesión que cada vez parece máis un gabinete de comunicación con  condicións de traballo precarias” pero que, aínda así, enche á nosa entrevistada de responsabilidade e orgullo.

–Como levas este ano de pandemia? Supuxo un freo na túa vida profesional ou, pola contra, un ano de traballo ao atoparnos diante cun tema tanto interese xornalístico?

Profesionalmente foi un ano diferente para min porque como son freelance o traballo baixou en volume pero por outro lado os ERTE nos medios a min déronme máis días de traballo ao ter que substituír os compañeiros en días de suspensión. Pero é certo que os xornais teñen moita menos demanda de fotografías porque a actividade institucional e os eventos reducíronse. Eu tiven sorte porque non só me dedico á fotografia de prensa, senón que fago tamén traballos para turismo e para axencias de comunicación.  

–Dende marzo de 2020 ata hoxe pasaron moitas cousas. Na actualidade, cando miras a través do obxectivo, que ves?

O mundo que coñecemos non é o mesmo dende hai un ano, e os que nos dedicamos a observar e fotografar iso aínda o vemos máis claro. Teño a sensación de que tardaremos en vernos como antes porque no que vai de ano todo os cambios chegaron para quedar. Supoño que vivimos poucos anos e por iso nos custa adaptarnos aos cambios así de dramáticos, pero se pensamos nun fotógrafo que vivise durante a Guerra Civil, vería un mundo totalmente distinto antes e durante a guerra. 

"Asustoume a idea de ser tan vulnerables aos cambios, algo que lle pode pasar a calquera de nós"

 

–Publicar imaxes, digamos, amables, nas que presentamos acontecementos bonitos, a todas e todos nos gusta. Pero tocou publicar imaxes nas que se transmite dor e sufrimento, de xeito continuado, como son as da pandemia. Que che fai pensar?

A vida son momentos agradables e momentos difíciles e tanto unhas situacións coma as outras teñen que ser contadas da mesma maneira. Cando elixes a profesión de fotoxornalista sabes que no teu día a día vas ter que fotografar o bo e o malo, porque é importante que se ilustren ben. A min non me gustou fotografar o accidente de Angrois, pero as imaxes son tan necesarias coma as dun evento cun final máis afortunado. Todas as historias son importantes e temos que poder fotografalas sen censura. Supoño que a ningún médico lle gusta unha pandemia pero é o seu traballo e fará o posible por atender ben os seus pacientes; pois os fotógrafos somos profesionais que facemos o noso traballo o mellor posible independentemente do tema que temos que abordar.

–Quédache algunha foto por facer? Algunha vez tiveches que baixar a cámara?

Non o sei, porque eu fotografío os acontecementos que se me presentan no día a día, non me dedico á fotografía artística nin á documental, e entón non sinto que estea buscando unha imaxe concreta. 

A cámara, mirando máis para atrás, si que a tiven que apartar unha vez; estaba facendo garda nas portas do centro onde atendían as familias do accidente de tren de Angrois e nun dos grupos a unha muller confirmáronlle a morte da súa filla. Fixen dúas fotos e tiven que marchar.

En temas de pandemia, por sorte nunca tiven que baixar a cámara. Impresionoume o sufrimento dun rapaz que se atopou agoniado económicamente durante o confinamento, pero iso non meu obrigou a deixar de facer o meu traballo. Asustoume a idea de ser tan vulnerables aos cambios, algo que lle pode pasar a calquera de nós.

"Agruparnos en Imaxe Covid axudounos a poñer en valor a nosa profesión, que nese momento non se nos deixaba exercer correctamente"

 

–Os fotoxornalistas tomastes unha iniciativa moi interesante: a de xuntarvos, traballar en común, amosar a cara da pandemia con olladas diferentes. Iso é Imaxe Covid. Que te levou a unirte ao grupo? Como resultou a experiencia?

A unión fai a forza e en momentos coma este é mais necesaria que nunca. Uninme ao grupo porque me pareceu unha proposta moi necesaria e motivadora. Pensamos que non se estaba facilitando o acceso aos lugares onde estaban pasando as cousas e que a mellor maneira era unirnos e dar unha visión conxunta para cubrir todas as frontes posibles de como se estaba desenvolvendo a pandemia en Galicia. Síntome moi agradecida de que contaran comigo, tendo en conta ademais que eu eses meses colaboraba cun medio local e tiña un acceso limitado aos lugares nos que facer fotos, pero por iso a visión en conxunto foi unha boa opción e unha grande experiencia persoal.

–Cales eras os principais atrancos cos que vos iades atopando?

Traballar nun xornal é facer traballo en equipo porque as nosas imaxes complementan a información escrita polos xornalistas pero neste caso os fotógrafos eramos os únicos do xornal que estabamos na rúa durante os primeiros meses de pandemia e iso fixo que o noso traballo fora diferente. Agruparnos en Imaxe Covid axudounos a visibilizar máis o noso traballo e a poñer en valor a nosa profesión, que nese momento non se nos deixaba exercer correctamente. Todos os fotoxornalistas atopámonos co acceso pechado aos lugares debido ás medidas de protección para evitar o contaxio. O feito de que esta fose unha crise sanitaria fixo que os que tomaban as decisións de permitirlles aos profesionais gráficos o acceso á información aplicaran certa censura ao principio da pandemia. Só podiamos traballar dende fóra dos hospitais, dos centros de saúde e das residencias e non podiamos acceder aos lugares onde estaban os enfermos. Afortunadamente, todo iso foi cambiando co paso dos meses pero debería servir de reflexion porque a nosa historia fórmase tamén coas imaxes que deixemos.

–E un día puxestes punto e final a Imaxe Covid. Era necesario cambiar de relato? Deixamos de atender outros asuntos importantes para a sociedade? 

Imaxe Covid é un proxecto colaborativo que nos axudou a seguir traballando durante toda a pandemia. Os fotógrafos de prensa eramos conscientes de que estabamos sendo espectadores dun momento histórico e a nosa condición de profesionais da comunicación fixonos responsables de contar con imaxes o que estaba pasando á xente que estaba confinada nas casas. Pechamos o proxecto cando o proceso de vacinación empezou a levarnos a esta nova normalidade que esperemos que termine pronto. É posible que durante este último ano a Covid monopolizase a demanda informativa deixando moito menos espazo para outros temas, pero supoño que foi pola dimension da pandemia.

"Unha crise sanitaria non se pode ilustrar dende as portas sin ver os enfermos, os que axudan e os que morren"

 

–Fotoxornalistas galegos dades un paso adiante e emprendedes agora outra aventura chamada Archivo Covid. Que é exactamente? Cales son os obxectivos? 

Os fotoxornalistas galegos agradecémoslles aos profesionais que puxeron en marcha Archivo Covid que nos permitan participar na súa iniciativa. Eu son unha convidada máis a participar con algunhas das imaxes que fixen en Galicia. A iniciativa Archivo Covid foi impulsada pola Universidade de Alcalá de Henares xunto con Santi Palacios, Silvia Omedes, Esteban Martinena, Ana Palacios, Anna Aguiló e Clara Soto. Será unha web con imaxes feitas por cerca de 400 profesionais durante o 2020 que creará así un traballo que sirva de memoria colectiva desta traxedia en toda España. 

–Conseguistes unirvos e seguides facéndoo, cousa que non sucedeu en ningún outro grupo desta profesión, en xenérico. Como o explicas?

Creo que foi porque compartimos os meses de confinamento nas rúas buscando imaxes para poder documentar o que acontecía e compartimos tamén a impotencia de non poder acceder a case ningún sitio, o medo, as rúas baleiras, as caras da xente nas ventás das casas… Por primeira vez eramos os únicos que podiamos dar testemuño e tiñamos claro que isto non se estaba contando como era debido. Unha crise sanitaria non se pode ilustrar dende as portas sin ver os enfermos, os que axudan e os que morren.

–Cres que coa pandemia o fotoxornalismo pode sair reforzado? 

Se miramos ao pasado, a nosa memoria está repleta de imaxes feitas por fotoxornalistas, moitas veces en situacións dolorosas, e todas en momentos que non se volverán repetir. Cando tentamos recordar o pasado, dende hai máis de cen anos recorremos ás imaxes fotográficas e posteriormente tamén aos vídeos feitos por profesionais dos medios de comunicación. Para min o problema é que a profesión está nun momento moi complexo no que os profesionais do fotoxornalismo non temos unhas condicións de traballo estables nin ben remuneradas e a situación vai a peor. As traxedias só serven para recordar que somos necesarios para contar o que está pasando e que as imaxes que alimenten a memoria colectiva nos anos seguintes deben ter calidade e deben contar con obxectividade o que a nosa xeración está vivindo. Con esta pandemia os fotógrafos volvémonos sentir desprazados do foco da información e necesitamos colaborar máis que nunca para que se escoite a nosa voz e para que se vexan as nosas imaxes, polo que penso que iso é sintomatico de que algo non vai ben na profesión.

"Os profesionais do fotoxornalismo non temos unhas condicións de traballo estables nin ben remuneradas e a situación vai a peor"

 

–Podes identificar que é iso que non vai ben na profesión?

Supoño que está escrava dos poderes políticos e económicos. O modelo de negocio cambiou e a liberdade e a obxectividade andan escasas. Non se lles dedica espazo aos temas de investigación ou de reportaxe. As prexubilacións deixaron fóra os profesionais máis experimentados e os temas de interese decídenos os "Gústame" da  Internet. Dunha combinación así, o único que queda é unha profesión que cada vez parece máis un gabinete de comunicación, dos gabinetes de comunicación con condicións de traballo precarias.

–Cres que a profesión estivo á altura das circunstancias?

Si, á vista están todas as imaxes que seleccionou Archivo Covid. Pero espero que todo isto sirva para que non nos volvamos atopar mais portas pechadas á hora de facer o noso traballo.

–Por último, Mónica, creo que hoxe te dedicas tamén ao ensino, a transmitir a outras persoas o teu coñecemento. É perpetuar a profesión, pasala, de xeración a xeración...

Ensinar é algo que levo facendo simultaneamente co meu traballo de fotoxornalista dende hai anos. Ao principio pensei que me limitaría a explicar como funcionaban as cámaras, pero sempre me sae a vea xornalistica e, como sabes, esta profesion igual que outras implica moita vocación, curiosidade e paixón.  Así que sempre intento contaxiar a curiosidade por un traballo que me permite vivir con intensidade os acontecementos que me rodean. Para min ser cronista gráfica da miña xeración paréceme unha gran responsabilidade e un orgullo. 

MATILDE VÁZQUEZ