Na mañá do 31 de xaneiro celébrase en Santiago unha nova xornada gratuíta de formación en alfabetización mediática
Unha nova xornada de formación, gratuíta para todas as persoas colexiadas e destinada a formar os equipos do Colexio de Xornalistas para impartir obradoiros de alfabetización mediática, terá lugar o vindeiro sábado 31 de xaneiro entre as 9.30 e as 15.00 horas no edificio Cersia de Santiago de Compostela. A formación vai estar dirixida á facilitación de estratexias didácticas para achegar a alfabetización mediática a diferentes grupos de idade e está pensada tanto para as persoas que queiran pasar a formar parte da bolsa de traballo de formadoras e formadores como para aquelas que xa recibiron a formación inicial. Xa está aberto o prazo de inscrición até o día 27 de xaneiro.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza para o sábado 31 de xaneiro, entre as 9.30 e as 15.00 horas, no edificio Cersia de Santiago de Compostela (Alcalde Raimundo López Pol, s/n), unha nova xornada de formación aberta e gratuíta dirixida a todos aqueles colexiados e colexiadas interesadas en formar parte de proxectos de alfabetización mediática que pon en marcha. As persoas participantes pasarán a formar parte, se así o quixeren, dunha bolsa de traballo do Colexio para impartir talleres sobre desinformación en galego, de maneira remunerada.
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, leva tempo trasladando á sociedade galega programas de formación en alfabetización mediática que a forneza de ferramentas contra a desinformación e as mentiras. Neste ano xa se está a traballar no desenvolvemento de obradoiros nas provincias da Coruña e Lugo, tanto para público escolar como para poboación adulta.
Nesta ocasión, a formación estará enfocada, ademais de a tratar os fundamentos básicos do fenómeno da desinformación e a alfabetización mediática, a fornecer de exemplos prácticos, dinámicas, materiais e ferramentas pedagóxicas para tratar estes temas dunha mellor maneira tanto nas aulas como entre o público adulto. Entre algúns dos temas a tratar, encóntranse a desinformación en plataformas dixitais ou redes sociais, as estratexias para fomentar o pensamento crítico ou os retos que presenta a chegada da intelixencia artificial ás aulas.
O curso estará impartido por Vivian Rangel, xornalista especializada en alfabetización mediática. Tras comezar a súa carreira cubrindo temáticas de tecnoloxía, gastronomía e literatura no Jornal do Brasil, trasladouse a Europa onde realizou o mestrado en Xornalismo e Comunicación Dixital: Datos e Novas Narrativas da Universitat Oberta de Catalunya, especializándose en Alfabetización Mediática. Foi profesora de literatura e cultura na Universidade de Santiago de Compostela durante case cinco anos e actualmente loita contra a desinformación desenvolvendo estratexias educativas para fortalecer o pensamento crítico e a alfabetización mediática en Maldita Educa.
O curso está aberto de maneira gratuíta a todas as colexiadas e colexiados do CPXG, aínda que as prazas son limitadas. Para poder acceder á formación e á bolsa de traballo, é necesario inscribirse a través deste formulario. A data límite de inscrición é o martes 27 de xaneiro.
CPXG