Nace o Observatorio do Dereito á Información
Este martes 3 de novembro púxose en marcha o Observatorio do Dereito á Información para analizar o ecosistema de medios en España e vixiar polo cumprimento da deontoloxía profesional, a normativa legal e a observación do dereito a unha información de calidade. O Observatorio conta con Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia como unha das entidades adheridas e estará dirixido polo ex decano Xosé Manuel Pereiro.
O Observatorio do Dereito á Información (ObsInfo), que sae á luz o día 3 de novembro, é unha iniciativa promovida por varias entidades profesionais e académicas do ámbito da comunicación informativa que ten como obxectivo analizar o mapa mediático español e velar polo cumprimento dos códigos deontolóxicos e a normativa legal que o regula. Malia ás leis europeas vixentes e aos organismos encargados da autorregulación xornalística usuais en países da nosa contorna, o Estado Español aínda constitúe unha excepción na observancia do dereito da cidadanía para recibir unha información veraz e plural.
Por iso, axuntando os esforzos de distintos colectivos que levan anos examinando a práctica cotiá da comunicación informativa, o ObsInfo realizará informes periódicos sobre o estado do Dereito á Información en España, difundirá os traballos que elaboren os seus integrantes e presentará ante as instancias que correspondan as denuncias sobre o seu incumprimento. Todo iso coa colaboración da cidadanía, suxeito e obxecto último da existencia dese dereito fundamental.
As entidades adheridas até o momento son a Fundación Contexto y Acción, o Grupo DemocMedia (Medios, Políticas de comunicación y Democracia en la UE) da Universidad de Sevilla, a Democ-Com (Red Iberoamericana en Investigación en Comunicación, Poder y Democracia), a Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidad Complutense de Madrid, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidad Rey Juan Carlos, a Cátedra UNESCO de Investigación en Comunicación da Universidad Rey Juan Carlos, a Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC), Kazeteriak/Asociación y Colegio Vasco de Periodistas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; o PolCom-Grup de recerca en Comunicació Política, Periodisme i Democràcia da Universitat Pompeu Fabra, a Facultade de Ciencias da Información da Universidad Complutense de Madrid e o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
O ObsInfo está dirixido polo xornalista e ex decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia Xosé Manuel Pereiro, cun consello asesor integrado por Aurora Labio-Bernal, Magis Iglesias, Margarita Ledo Andión, Josep Lluís Gómez Mompart, Jesús Ceberio, Juan Carlos Miguel de Bustos, Rainer Rubira García, Ana Yáñez Vega, Ignacio Martínez Martínez, Víctor Alonso Rocafort, Paco Audije, Amaia Goikoetxea, Carmen Peñafiel, Cristina Peñamarín, Eva Aladro Vico, Fernando Varela, Marcel Mauri de los Ríos, Celia Díaz Catalán, e Enrique Castelló Mayo.
CPXG