Nace Sonando Local, unha plataforma de información sobre os retos globais desde o local, con contido galego

Emisoras galegas participan da iniciativa Sonando Local, unha plataforma OTT de contidos audiovisuais desde a proximidade, organizada dentro do programa Onda ODS, que a partir desta semana ofrece información en catro idiomas arredor dos retos globais contemplados na Axenda 2030.  

Con ocasión do Día Internacional da Radio, esta semana púxose en marcha Sonando Local, a primeira plataforma OTT de contidos audiovisuais producidos dende o local en Europa, que ofrecerá información sobre os obxectivos de desenvolvemento sostibles (ODS). A plataforma conta con participación galega, xa que dúas das entidades impulsoras son a Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-Radiofusión) e a Rede de Medios Comunitarios, que conta coa coruñesa Cuac FM como emisora asociada e con Rádio Filispim e Radio Roncudo como colaboradoras. A Asociación de Emisoras Municipais e Comunitarias de Andalucía de Radio e Televisión (EMA-RTV) e RTV Cardedeu (La Xarxa) completan o grupo de organizadoras de Sonando Local. 

Sonando Local ofrecerá ao público uns contidos en catro idiomas (galego, castelán, catalán e eúscaro), producidos desde os medios de proximidade e destinados a incidir e sensibilizar á poboación sobre os retos globais aos que nos se terá que enfrontar a sociedade ao longo das próximas décadas: medioambiente, equidade de xénero, revitalización do medio rural, traballo digno, loita contra as desigualdades son algúns dos eixos temáticos que vertebran esta plataforma. As e os usuarios poderán visualizar ou escoitar de balde materiais moi familiares a través dos que se favorecerá a consecución dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcados na Axenda 2030.

A iniciativa de Sonando Local forma parte do proxecto Onda ODS, coordinado por EMA-RTV e financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Esta rede pretende promover o fortalecemento dunha alianza de máis de 300 medios locais, tanto públicos como comunitarios, para que os problemas, retos e oportunidades que xiran arredor dos ODS sexan amplamente coñecidos pola cidadanía española.

CPXG