Natalia Alonso: "Debemos esforzarnos en que a atención á ciencia non decaia despois da pandemia"

Foto: Santi Alvite

O gabinete de comunicación da Universidade de Santiago ofrece na súa web unha canle de información específica dedicada á Covid-19, con pezas sobre o traballo dos seus investigadores en relación á pandemia. Natalia Alonso é unha das tres xornalistas do gabinete, ademais de investigadora e poeta. Con anterioridade traballou en medios como Antena 3 e Xornal de Galicia e foi docente universitaria.

–Cal é a función do gabinete de comunicación dunha universidade pública nunha situación de emerxencia coma esta?

Tivemos claro que a nosa actividade como gabinete de comunicación debería, por unha banda, poñer o foco na actividade investigadora da USC na loita contra a pandemia pero, ao mesmo tempo, difundir información de utilidade para a nosa comunidade universitaria e para a sociedade, en xeral, sobre como xestionar o día a día durante o confinamento. 
 
–Como elaborades as pezas que buscan esa utilidade social?

Botamos man do noso persoal docente e investigador, así como do persoal de administración e servizos. Nós somos tan só un chanzo da cadea pero a esencia do proceso é o enorme valor da comunidade universitaria no seu conxunto. Entrevistamos epidemiólogos e virólogos para que afondasen en cales eras as medidas máis axeitadas para extremar a precaución e frear a expansión do virus. Falamos con psicólogos para elaborar reportaxes con recomendacións centradas na xestión emocional da pandemia; ou con pedagogos que nos subministraron consellos sobre como enfrontar as horas de estudo dende a casa. Introducimos pezas con actividades deportivas para manter unha vida activa e saudable a pesar das limitacións; ou con recursos culturais en liña e de balde para facer fronte ás longas horas sen poder saír da casa, entre outros moitos exemplos. 

“A cidadanía está a descubrir que a ciencia é o motor da sociedade, a nosa táboa de salvación”

 

–Que investigacións relevantes para o coñecemento da Covid-19 se están facendo na USC?

A USC lidera numerosas investigacións contra a Covid-19 dende múltiples perspectivas: proxectos de vacinas, predición da evolución da pandemia a través de modelos matemáticos, cartografías de risco, ou a detección temperá do virus a través da análise de augas residuais, entre outras. A lectura positiva que podemos extraer da pandemia é que a cidadanía está a descubrir que a ciencia é o motor da sociedade, a nosa táboa de salvación. A repercusión mediática que está a adquirir a investigación científica nestes intres carece de precedentes. A ciencia está en boca de todos. Xa non é un tema tanxencial no debate político e na toma de decisións, senón todo o contrario. A xeración de coñecemento é a única arma que nos pode sacar da pandemia. 
 
–Incrementouse o voso traballo como intermediarios cos medios de comunicación?

A relevancia que está a adquirir a ciencia motiva que se vexan incrementadas as peticións de entrevistas a persoal científico. Neste senso, nós actuamos de ponte. Os xornalistas póñense en contacto con nós para buscar expertos e expertas nunha determinada materia e nós tentamos orientalos e ofrecerlles a axuda da persoa máis acaída. Temos a gran sorte de que a inmensa maioría dos investigadores e investigadoras se amosan sempre dispostos a participar, sabedores da importancia que ten darlle visibilidade á actividade científica. 

“O ideal sería que o coronavirus pasase pero o interese mediático na ciencia, non”

 

–Precísanse máis esforzos na comunicación de ciencia? Que pode facerse, desde o ámbito comunicativo e periodístico, para que se recoñeza o valor da investigación científica?

Todo esforzo é pouco neste eido. Gran parte da cidadanía está a descubrir agora o valor da investigación científica. Os investigadores e investigadoras participan en debates televisivos de máxima audiencia, abren informativos, poboan as portadas dos xornais... Esta situación non ten precedentes. O ideal sería que o coronavirus pasase pero o interese mediático na ciencia, non. Deberiamos aproveitar o que está sucedendo na actualidade para fomentar novos formatos, novos contidos, nos que a xeración de coñecemento ocupe un rol capital. A xente está agora interesada neste tipo de espazos porque lle afecta directamente. Debemos esforzarnos en que esa atención non decaia. O interese da cidadanía pola ciencia non debe quedar nunha simple vaga, debemos crear contidos de calidade para que se manteña no tempo. 

“Os profesionais da información estamos acostumados a distanciarnos dos feitos e agora esa distancia non existe”

 

–Que aprendestes nestes meses de pandemia como profesionais da comunicación?

Creo que en xeral todos entendemos que o futuro é unha incógnita e que debemos aprender a gozar de cada momento e a valorar as pequenas cousas do día a día. Todo pode mudar nun instante. O traballo dos xornalistas consiste en saber contar ese instante e ser quen de darlle sentido. O problema é que os profesionais da información estamos acostumados a afondar nos feitos adquirindo certa distancia e agora esa distancia non é posible. Ensináronnos que a obxectividade non existe pero si o rigor, a veracidade, a ética e o compromiso. O reto consiste en ser capaces de preservar todos eses valores cando, ao mesmo tempo, todos e todas somos os protagonistas da historia.  

BELÉN REGUEIRA