Novas voces reclaman que se escolla o Consello de Administración da RTVE

O conxunto de candidatos finalistas para presidir a Radiotelevisión Española solicitan ás Cortes Xerais, cunha carta aberta, que se retome o concurso público. O Consello de Europa xa lanzou unha alerta mediática pola situación da dirección da televisión pública estatal, que leva sendo provisional durante dous anos. 

As dezanove persoas que foron seleccionadas polo comité de expertos como idóneas para integrar o Consello de Administración e a Presidencia da Corporación Radiotelevisión Española (RTVE) veñen de facer pública unha carta aberta na que piden "encarecidamente ás Cortes Xerais e aos seus grupos parlamentarios que se afanen en levar a termo, coa maior brevidade, o concurso público, porque non hai razóns nin fundamentos xurídicos que poidan avalar mantelo bloqueado ou a desnaturalización do mesmo”. Os candidatos lembran que o pasado 29 de setembro se fixeron tres anos da aprobación da Lei 5/2017 da radio e a televisión de titularidade estatal, "para recuperar a independencia da Corporación RTVE e o pluralismo na elección parlamentaria dos seus órganos", sen que nese tempo rematara o proceso de elección do Consello de Administración e a Presidencia recollidos por esta norma.

A Lei 5/2017 dispón que a selección dos membros do Consello de Administración e do seu Presidente ou Presidenta mismos se realizará por concurso público coa participación dun Comité de Expertos. A finales de 2018 fíxose pública a lista cos 20 preseleccionados, entre os que a Comisión Mixta (Congreso-Senado) debía escoller dez nomes. Pero o concurso foi paralizado tras a convocatoria de eleccións de abril de 2019. Desde entón, a mellor puntuada no concurso público, Alicia G. Montano, faleceu polo que a lista actual queda nos 19 candidatos que asinan esta misiva: Juan Buhigas, Rafael Camacho, Joaquín Cuixart, María Eizaguirre, Laureano García, Agustín García, Eladio Jareño, Roberto Lakidaín, Francisco Lobatón, Miguel Ángel Martín, Roberto Mendès, Javier Montemayor, Francisco Moreno, José Manuel Pérez Tornero, Isabel Raventós, Juan Manuel Romero, Vicenç Sanclemente, Carmen Sastre e Manuel Ventero.

Precisamente a semana pasada o Consello de Europa lanzou unha alerta titulada "RTVE, sen Consello de Administración polos últimos dous anos", que lembra a provisionalidade da administradora única da corporación, Rosa María Mateo, e insta a elección do Consello de Administración e a Presidencia. Esta alerta vai acompañada do informe referente a España sobre vixilancia do pluralismo dos medios na era dixital, realizado polo Instituto Universitario Europeo, que asegura que a incapacidade dos partidos políticos para renovar a dirección da RTVE é un "claro exemplo de como a situación política non contribúe á mellora da situación do pluralismo en España". 

CPXG