Nove proxectos presentados á II Bolsa 'Nacho Mirás'

Nove propostas foron presentadas á segunda edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A participación supera así a do ano pasado, consolidando a acollida desta iniciativa.

Un total de nove proxectos foron presentados á segunda edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, superando en dous os participantes na primeira edición. As candidaturas presentadas, que implican un total de dezanove persoas, teñen perfís moi variados, destacando especialmente os proxectos audiovisuais. As temáticas máis repetidas entre as propostas presentadas son as sociais, culturais e internacionais. 

O xurado,composto por Francisco X. González Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario do CPXG; Isaac González, de Abanca; Xosé López da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; e os xornalistas Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela, está xa a deliberar sobre as propostas presentadas. O fallo darase a coñecer no mes de xuño. A contía da bolsa pode ser dividida se o xurado considera que os proxectos presentados teñen unha valía parella ou ningún é merecedor da totalidade.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados conta cunha dotación económica de 6.000 euros, e apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

CPXG