Novos Medios organiza unha xornada online para mellorar a comunicación sobre o radón

O grupo de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, organiza o vindeiro mércores 20 de novembro a xornada online Xornalismo e comunicación de risco: Estratexias e desafíos para informar sobre o gas radón. A inscrición no acto, que terá lugar en horario das 10:00 ás 12:00, é gratuíta e pode realizarse até o luns 18 de novembro. 

A xornada vai iniciarse coa presentación a cargo de Berta García Orosa, catedrática de Xornalismo da USC e coordinadora da mesma. A continuación, Jorge Vázquez Herrero, profesor titular de Xornalismo, impartirá a ponencia "Percepción do gas radón: coñecementos, risco e comunicación". Ás 10:30 será a quenda de Noel Pascual Presa, investigador en Xornalismo, que tentará dar resposta á pregunta "¿Busca web en Internet ou conversar cunha Intelixencia Artificial?"; e ás 11.00 a tamén investigadora Tania Forja Pena vai disertar sobre "Os medios de comunicación. Estratexias e retos". A xornada rematará ás 11.30 coa presentaición da guía para profesionais da comunicación Comunicar sobre radón, a cargo de Sara Pérez Seijo, profesora axudante doutor de xornalismo na USC.

O encontro Xornalismo e comunicación de risco: Estratexias e desafíos para informar sobre o gas radón, organizado dentro do proxecto “Radón en España: percepción da opinión pública, axenda mediática e comunicación do risco (RAPAC)” do Consello de Seguridade Nuclear, esta dirixido a profesionais da comunicación, pero tamén a todos aqueles sectores que dalgunha maneira están relacionados con el gas radón: arquitectos, médicos, investigadores, químicos...

A xornada é gratuíta e vai realizarse a través da plataforma Zoom. Para poder recibir a ligazón para asistir, que se enviará o día anterior ao acto, é necesario inscribirse a través deste formulario online. A data límite para a inscrición é o luns 18 de novembro.

CPXG