Novos obradoiros de Xornalismo na Escola “la Caixa” na cidade de Ourense, no IES O Couto

‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia, continúa o seu labor na cidade da Ourense con novos obradoiros este xoves no IES O Couto.

Logo dos obradoiros realizados no IES As Lagoas, o IES O Couto tomará o relevo na cidade de Ourense para acoller dous talleres de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ este xoves, impartido pola xornalista Edith Filgueira Rodríguez, que se desenvolverán o primeiro entre as 08:30 e as 10:10 horas e o segundo entre as 11:30 e as 13:10 horas.

O alumnado do IES O Couto terá a oportunidade de participar este xoves nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Angel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel Guisande, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG