Novos talleres en Brión pechan o curso dos obradoiros contra a desinformación do CPXG
A xornalista Marga Tojo impartiu este martes novos obradoiros contra a desinformación ao alumnado do IES de Brión, cos que se pon o remate ao programa de talleres durante este curso 2024-2025. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia levou a alfabetización mediática aos centros de ensino medio da Coruña ao longo destes meses grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.
Tras o taller impartido o pasado 2 de abril, máis rapaces e rapazas de Brión puideron desfrutar dos talleres impartidos pola xornalista Marga Tojo González, comunicóloga e escritora, que traballou durante unha década no extinto xornal Galicia Hoxe e forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, ademais de colaborar con eldiario.es, Público, Nós Diario ou O Salto diario.
Con estes obradoiros péchase até o curso seguinte o programa de obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Desde o pasado 10 de marzo, un total de vinte obradoiros foron impartidos nunha decena de institutos de distintas vilas coruñesas, cuha moi boa recepción entre o alumnado. A rapazada de Arzúa, Brión, Carral, Curtis, Melide, Oroso, Padrón, Santa Comba e Zas puido ter acceso a diferentes ferramentas para combater as noticias falsas e a desinformación ás que se ve exposta na actualidade.
Obradoiros contra a desiniformación
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. Nestes obradoiros, pódense coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información. O obxectivo do programa é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas.
Todos os obradoiros estiveron impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
CPXG