O 15 de setembro remata o prazo para presentarse á XI Bolsa Nacho Mirás

A Bolsa ‘Nacho Mirás’ para proxectos xornalísticos, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, segue mantendo aberto até o 15 de setembro o prazo de recepción de candidaturas. Esta undécima edición, que conta tamén  coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ten como novidade que está aberta a todos e todas as xornalistas, sen límite de idade, aínda que se seguirá valorando especialmente as propostas de estudantes de último curso ou persoas que acadaran o título nos últimos cinco anos. 

Poderán concorrer a esta convocatoria xornalistas titulados, estudantes de último ano e/ou colexiados e colexiadas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con proxectos profesionais orixinais novos ou iniciados como máximo un ano antes desta convocatoria. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación, e tamén poderán presentarse proxectos xurdidos de Traballos de Fin de Grao ou Fin de Máster. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ademais, terase en conta de maneira especial aqueles proxectos presentados por estudantes de xornalismo e comunicación audiovisual no seu último ano de grao e os proxectos presentados por xornalistas licenciados nos últimos cinco anos.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022), Quen son elas? (2023), A Vozes, cultura zeta e (Des)facendo Galicia (2024) e Trescentostrece (2025).

CPXG