O 2022 é xa o ano con máis xornalistas asasinados en México

Acción de Reporteiros Sen Fronteiras contra os asasinatos de xornalistas en México (Foto: RSF)

Catro novos asasinados en agosto elevan a cifra total de informadores mortos en México a catorce, o que fai deste 2022 o ano máis mortífero para o xornalismo no país desde que se teñen rexistros, segundo Reporteiros Sen Fronteiras. A organización internacional traballa para estabelecer se estas mortes se produciron a causa do seu labor informativo, algo que xa está confirmado en polo menos dez asasinatos no que vai de ano no país norteamericano, e 156 desde o ano 2000. 

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) vén de anunciar que 2022 se converteu xa, cando aínda non tiña rematado agosto, no ano máis mortífero para a profesión en México desde que a organización leva rexistro dos xornalistas asasinados. Coa morte de catro informadores máis no pasado mes, a cifra de asasinatos de profesionais dos medios elévase xa aos 14, e polo menos 10 deles teñen relación directa co seu labor informativa. Os xornalistas mexicanos representan case un 40% dos 36 xornalistas asasinados no que vai de ano en todo o mundo, superando amplamente a mortandade para a profesión neste país a estados en guerra como Ucraína (con oito casos) ou Iemen (con tres). 

O luns 23 de agosto acadábase a cifra de 14 xornalistas asasinados coa execución a sangue frío de Fredid Román en Chilpancingo, capital do Estado de Guerrero. Román, editorialista do xornal Vérticeera moi crítico co goberno de Guerrero e coa corrupción. O director editorial de Vértice manifestou que o xornalistas "non comunicara ameazas vinculadas co seu traballo", mais o sobriño de Román sinalou publicamente como responsábel do asasinato á banda criminal local Los Ardillos, da que asegura que o informador recibira ameazas. 

A morte de Román súmase a outros tres xornalistas asasinados no pasado mes en México: Ernesto Méndez, director de Tu Voz, morto a balazos o día 3 en San Luis de la Paz, no Estado de Guanajuato; Juan Arjón López, director da páxina web A qué le temes, cuxo corpo foi atopado o 16 preto da fronteira entre o Estado de Sonora e os EUA, logo dunha semana desaparecido; e Alán González, locutor asasinado o día 11 en Ciudad Juárez, no Estado de Chihuahua, xunto a outros tres traballadores da súa emisora, Switch 105.9 FM. Todos eles denunciaban a corrupción e a violencia nas súas rexións, e RSF traballa, como no caso de Román, para estabelecer as circunstancias da súa morte, se ben aínda non se certificou que exista un vínculo directo entre as súas mortes e o seu labor informativo.

Si se estabeleceu xa que outros dez informadores asasinados ao longo de 2022 o foron por exercer a súa profesión. Trátase de José Luis Gamboa Arenas, Alfonso Margarito Martínez Esquivel, Lourdes Maldonado López, Roberto Toledo, Heber López, Jorge Luis Camero Zazueta, Juan Carlos Muñiz, Armando Linares López, Luis Enrique Ramírez e Antonio de la Cruz. Oito deles recibiran ameazas antes de seren asasinados.

Segundo dados da organización Artículo 19, polo menos 156 comunicadores e comunicadoras foron asasinados por informar en México desde o ano 2000. O país americano ocupa o posto 127 de 180 na Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa 2022 de RSF.

CPXG