O alumnado de Curtis recibe a visita dos obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas
Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chegaron hoxe ao IES de Curtis. As mozas e mozos curtenses recibiron esta mañá dous talleres deste programa de alfabetización mediática, impartidos por Elena Martín Lores. Estes obradoiros están a desenvolverse en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís liderada pola deputada Soledad Agra.
O alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Curtis recibiu esta mañá a visita dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. Os talleres, que tiveron lugar ás 8:30 e 12:30 da mañá, estiveron impartidos por Elena Martín Lores. Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, Martín Lores forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine.
Obradoiros contra a desiniformación
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. Grazas a el, as rapazas e rapaces do IES de Curtis puideron, así, coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información. O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas.
Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña.
CPXG