O alumnado de Xornalismo da USC publica, en colaboración co CPXG, 'Ponte de Palabras', unha guía de xornalismo sobre a cuestión migratoria
‘Proxecto Ponte de Palabras. Xornalismo colaborativo e transmediático especializado na migración’ é unha guía multiplataforma para mellorar a información sobre a cuestión migratoria, realizada polo alumnado de primeiro curso do grao de Xornalismo da USC, baixo a coordinación de José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e coa colaboración do Colexio de Xornalistas e o Grupo de Investigación ESCULCA.
O alumnado da materia de Redacción Informativa, do primeiro curso do grao de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, vén de sacar á luz Proxecto Ponte de Palabras. Xornalismo colaborativo e transmediático especializado na migración, unha publicación que quere contribuír a mellorar a información sobre unha cuestión que ten hoxe un papel protagonista na axenda social. A guía foi realizada coa coordinación dos profesores de José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Grupo de Investigación ESCULCA, da Facultade de Ciencias da Educación. Ponte de Palabras continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva, a guía do Proxecto Xermolo, a guía do Proxecto Decode, a guía do Proxecto Ikigai e a guía do Proxecto FACTCOM, redactadas polos alumnados de anos anteriores. Nesta ocasión a guía pon o foco na migración, de especial relevancia na actualidade.
Ponte de Palabras consta de cinco apartados diferenciados, comezando por un panorama da actual situación na sociedade respecto a cuestión migratoria, con especial foco na realidade histórica galega, áncora na que se amarra para poñer logo o foco no contexto actual a nivel internacional. No segundo dos epígrafes, ‘Xornalismo e migración’, analízanse a responsabilidade que ten a profesión no tratamento de informacións relativas a esta temática. En ‘Fontes e referencias’ ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que acudir á hora de facer coberturas sobre migración. ‘Entrevistas’ é un espazo para dar protagonismo a voces especializadas, desde diferentes perspectivas.
“Guía de boas prácticas” é o apartado máis completo. Nel podemos atopar un decálogo con recomendacións para abordar o tratamento de informacións sobre migración. O epígrafe conclúe con algún estudos de caso en medios de comunicación do ámbito español.
Tanto o Proxecto Ponte de Palabras como os seus predecesores toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.
O Proxecto Ikigai é unha iniciativa multiplataforma que se pode consultar en diversos formatos. A guía está dispoñible en formato web en https://pontedepalabras.wordpress.com/ e conta con perfís propios en Instagram e Tik Tok.
CPXG