O alumnado de Xornalismo da USC publica, en colaboración co CPXG, 'Proxecto Ikigai', unha guía de xornalismo sobre saúde mental

Proxecto Ikigai. Xornalismo colaborativo e transmediático pola saúde mental é unha guía multiplataforma para mellorar a información sobre a saúde mental, realizada polo alumnado de primeiro curso do grao de Xornalismo da USC, baixo a coordinación de José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e coa colaboración do Colexio de Xornalistas e o Grupo de Investigación ESCULCA.

O alumnado da materia de Redacción Informativa, do primeiro curso do grao de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, vén de sacar á luz Proxecto Ikigai. Xornalismo colaborativo e transmediático pola saúde mental, unha publicación que quere contribuír a mellorar a información sobre unha cuestión que ten hoxe un papel protagonista na axenda social. A guía foi realizada coa coordinación dos profesores de José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Grupo de Investigación ESCULCA, da Facultade de Ciencias da Educación. Proxecto Ikigai continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva, a guía do Proxecto Xermolo e a guía do Proxecto Decode, redactadas polos alumnados de anos anteriores. Nesta ocasión a guía pon o foco na saúde mental, de especial relevancia na actualidade.

O documento consta de seis apartados diferenciados, comezando por un panorama da actual situación na sociedade respecto da saúde mental e o concepto xaponés Ikigai, que se refire ao benestar ligado a un propósito vital. No segundo dos epígrafes, "Xornalismo e saúde mental", analízanse a responsabilidade que ten a profesión no tratamento de informacións relativas á saúde mental. En "Referencias e entidades ás que recorrer" ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que acudir á hora de facer coberturas sobre cuestións de saúde mental. A continuación, "Lexislación sobre saúde mental" fai un repaso de toda a lexislación existente na actualidade (a nivel local, autonómico, estatal, europeo e internacional).

“Guía de boas prácticas” é o apartado máis extenso. Nel podemos atopar un decálogo con recomendacións para abordar o tratamento de informacións sobre saúde mental e unha aproximación á cuestión do suicidio, tema de especial preocupación, nos medios de comunicación.  O epígrafe conclúe profundando nos principais problemas de saúde mental na propia profesión xornalística. Un glosario con terminoloxía habitual serve para concluír a guía.  

Tanto o Proxecto Ikigai como os seus predecesores toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.

O Proxecto Ikigai é unha iniciativa multiplataforma que se pode consultar en diversos formatos. Ademais da publicación da guía en pdf (anexa nesta información), poden consultarse os seus contidos na web proxectoikigaiusc.wordpress.com, así como unha conta en Instagram.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo). 

CPXG