O asasinato de Shireen Abu Akleh indigna á profesión xornalística

Shireen Abu Akleh, xornalista palestina de Al Jazeera moi popular no seu país, foi asasinada este xoves por un disparo do exército israelí, mentres realizaba o seu labor informativo e estaba identificada como traballadora da prensa. O crime recibiu a crítica unánime de organizacións internacionais e do xornalismo, que esixiron unha investigación independente dos feitos. 

O xoves 11 de maio, a xornalista palestina de Al Jazeera Shireen Abu Akleh foi asasinada cun disparo na cabeza, realizado por un francotirador das forzas de seguridade israelis, cando estaba a informar dunha incursión en Xinin do exército dese país. Un vídeo do momento posterior ao ataque mostra como Abu Akleh levaba posto un chaleco que a identificaba claramente como traballadora da prensa, e tamén como recibe disparos un mozo palestino que tenta asistila. Testemuñas da morte, entre eles dous xornalistas, aseguraron que a zona estaba relativamente tranquila e que non houbo disparos pola parte palestina, fronte a versión do goberno israeli que asegura que a morte se produciu nun intercambio de tiros. Outro informador, Ali Samodi, do xornal Al Quds, recibiu tamén un tiro nas costas, pero sobreviviu. 

Shireen Abu Akleh naceu en Xerusalén en 1971 e tiña dobre nacionalidade, palestina e estadounidense. Tras graduarse en xornalismo na Universidade de Iarmuk, en Xordania, regresou a Palestina e traballou nas emisoras Radio Monte Carlo e A Voz de Palestina, ademais de para a Axencia das Nacións Unidas para a Asistencia aos Refuxiados de Palestina no Próximo Oriente (UNRWA). Pero foi o seu traballo como reporteira para a canle en árabe Al Jazeera, onde entrou en 1997, a que ocupou a meirande parte da súa carreira, converténdoa nunha das informadorasz máis recoñecidas do seu país. 

A morte da xornalista recibiu a condena de numerosas organizacións e institucións. A ONU condenou nunha nota o asasinato e o coordinador especial para o proceso de paz en Oriente Medio reclamou "unha investigación inmediata e exhaustiva, e que os responsábeis rindan contas ante a xustiza”, A organización internacional Reporteiros Sen Fronteiras esixiu tamén unha pesquisa, independente e internacional, para aclarar canto antes os motivos da súa morte. Pola súa banda, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas reprobou o crime, que cualificou como "un ataque deliberado contra el derecho a informar".

CPXG