O Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar recoñece ao CPXG polo programa 'Aprendamos a Ler a Información'

O xornalista Javier Fraiz recolle o recoñecemento de mans da fiscal xefa de Ourense, Eva Regueiro

O programa 'Aprendamos a ler a información' recibiu o venres 22 de setembro o recoñecemento do Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar, onde se desenvolveron as charlas con xornalistas, con motivo da celebración do día da Mercé, patroa de Institucións Penitenciarias. Nesta iniciativa, posta en marcha polo Colexio de Xornalistas co patrocinio da Fundación "la Caixa", distintos xornalistas achegaron á poboación reclusa conceptos básicos sobre a comunicación como apoio á reinserción. 

O pasado venres 22 de setembro, o Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar outorgou un recoñecemento ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo seu labor pondo en marcha a iniciativa 'Aprendamos a ler a información', o programa de charlas patrocinado pola Fundación "la Caixa", no que escritores e xornalistas achegaron ás internas do módulo de mulleres conceptos básicos sobre o papel da información e os medios de comunicación, co obxectivo de ayudar á reinserción. A entrega da mención do centro penitenciario realizouse no cadro das celebracións do día da Mercé, patroa de Institucións Penitenciarias.

O galardón, consistente nun diploma e unha figura conmemorativa, foi entregado por Eva Regueiro Rodríguez, fiscal xefa de Ourense, e recolleuno Javier Fraiz, xornalista ourensán participante na iniciativa. Desde a organización destacouse a aproximación a "conceptos básicos que todo cidadán ou cidadá debería coñecer" sobre comunicación e o valor de facelo "ante un segmento de poboación ao que probabelmente non sexa fácil que cheguen experiencias" como a de coñecer a autores e autoras recoñecidos polos seus libros e artigos.  

Aprendamos a ler a información

No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto. O programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", desenvolveu neste centro entre decembro de 2022 e xuño de 2023, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.

Javier Fraiz, Manuel de Lorenzo, Ana Cermeño, Fernanda Tabarés, Manuel Vázquez Sola, María Pardo, Sechu Pastoriza, Monchi Sánchez e Francisco X. González Sarria foron os e as xornalistas participantes na iniciativa, que abordaron distintas perspectivas, xéneros e contidos xornalísticos, ofrecendo á poboación reclusa de Pereiro de Aguiar unha oportunidade incomparábel para formarse no mundo da comunicación. A identificación das loiadas e fake news, as diferenzas entre xornalismo e literatura, as maneiras de evitar o sensacionalismo, a busca de fontes para informarse ou os pormenores do xornalismo xudicial ou de sucesos foron algúns dos temas tratados ao longo de seis meses nesta experiencia de axuda á reinserción.

CPXG