O Centro Territorial da RTVE en Galicia fai 50 anos

O domingo 25 de xullo cúmprense 50 anos da inauguración do Centro Territorial da Radiotelevisión Española en Galicia, un referente clave na historia da información na nosa comunidade. RTVE realiza esta semana unha programación especial para a efeméride, que reivindicará o arquivo da canle e culminará nun especial dunha hora este xoves 22. 

O 25 de xullo de 1971, coincidindo co ano xacobeo, inaugurábase en Santiago de Compostela o Centro Territorial da Radiotelevisión Española en Galicia. O centro, que primeiro estivo situado nun piso da zona vella compostelá e máis tarde no Pazo de Raxoi, funcionou primeiro como unha delegación dos informativos estatais, pero en 1974 xa comezou as desconexións coa emisión de Panorama de Galicia, o que despois se convertiría no TelexornalEn 1991 inaugúranse as instalacións de San Marcos, onde o centro ten actualmente a súa sede. Ao longo destas cinco décadas, as cámaras e os micrófonos do Centro da RTVE en Galicia foron rexistrando numerosos momentos clave da historia informativa e audiovisual na nosa comunidade.

Con motivo deste 50 aniversario, RTVE realizará unha programación conmemorativa coa emisión dos seus informativos desde catro escenarios distintos (os exteriores do Centro Territorial, a Cidade da Cultura, o Parque da Alameda e a Praza do Obradoiro) e unha serie de contidos que se inician hoxe cunha entrevista ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Ademais, o xoves 22 emitirase un programa especial, dunha hora de duración, coa participación de Tareixa Navaza e Xoán Barro, dous rostros históricos da canle que acompañarán a Ana Zas presentando o Telexornal. Os programas queren tamén pór en valor o Arquivo da RTVE, recuperando exemplos do material galego atesourado polo centro. 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar os parabéns pola efeméride ao Centro Territorial e ao conxunto de profesionais da Radiotelevisión Española en Galicia. O seu traballo durante estas cinco décadas foi un exemplo de profesionalidade e xornalismo, e a súa contribución é esencial para a pluralidade do panorama mediático galego. 

CPXG