O chanceler peruano di que Rázuri está retido por disidentes de Hamas

O reporteiro gráfico peruano Jaime Rázuri foi secuestrado o pasado luns en Gaza por "un grupo disidente de Hamas", segundo informou o chanceler peruano, José Antonio García Belaúnde, quen ordenou que viaxe a esa cidade o viceministro peruano de Exteriores, Gonzalo García.
"Sabemos que foi secuestrado por un grupo disidente de Hamas, pola información que temos está ben de saúde", afirmou García Belaúnde ós xornalistas ó termo dunha reunión do Consello de Ministros no Pazo de Goberno de Lima.

O chanceler enfatizou que "o Goberno peruano" mantén contactos con "gobernos amigos na rexión" para que lle brinden axuda "na xestión" de conseguir a liberación do reporteiro. García Belaúnde sinalou que o viceministro García viaxará en misión especial a Gaza para "xestionar e presionar pola pronta liberación" de Rázuri.

O chanceler indicara o martes que "as dúas organizacións máis importantes na zona, Al Fatah e Hamas", negaron ser responsables do secuestro, e indicou que se sospeitaba de membros dunha mafia ou un pequeno grupo político que busca unha cota de poder en Palestina.

Jaime Rázuri, que traballa para a Axencia France Press (AFP), foi secuestrado o luns ás portas da súa oficina no barrio Al Rimal, no centro da cidade de Gaza, por catro individuos armados.

Segundo a Chancelería local, García dialogará en Gaza con dirixentes da Autoridade Nacional Palestina e do goberno francés, así como con directivos de AFP, para realizar coordinacións para buscar a liberación do fotógrafo.

O presidente da Asociación da Prensa Estranxeira en Perú (APEP), Luis Jaime Cisneros, dixo que as autoridades palestinas confían en que a liberación de Rázuri sexa rápida e pacífica. Cisneros remarcou que as autoridades palestinas agregaron "que teñen, dalgunha maneira, identificados ós captores", polo que considerou "que é cuestión de horas para dar co seu paradoiro e liberdade".

LIMA
EL MUNDO / EFE