O Colexio de Xornalistas abre tres novos webinars de balde para colexiados e colexiadas
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pon a disposición, de maneira gratuíta, tres webinars máis dos accesíbeis a través da súa plataforma de formación online. As colexiadas e colexiados poderán formarse así de balde en cuestións como a actualidade xudicial, o tratamento da información relativa a menores ou o xornalismo de datos.
Seguindo a política de dispoñibilizar todos os cursos online de balde para colexiados e colexiadas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia abre hoxe de maneira gratuíta tres novos webinars na plataforma de formación online. Trátase, en concreto, dos cursos Que información oficial teñen a obriga de me dar os xulgados e tribunais?, impartido por María Pardo Ríos, A información relativa a menores no Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia, por Elena López Fernández, e Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas, por Miguel Rodríguez Fernández.
Coa apertura destes cursos ao conxunto de colexiados e colexiadas, o Colexio de Xornalistas quere contribuír á formación continuadas das e dos xornalistas galegos e mellorar o tratamento en cuestións de amplo interese informativo na actualidade, como son as informacións xudiciais ou as relativas a menores, así como avanzar nun campo tan necesario nos nosos días como é o xornalismo de datos. O Colexio de Xornalistas chama ao conxunto de profesionais a consultaren estes cursos e aplicaren as súas indicacións e prácticas recomendadas no exercicio do seu traballo.
Para consultar os webinars, é preciso acceder á plataforma de formación online, na parte privada da web de xornalistas.gal, co nome de usuaria ou usuario e contrasinal. Se aínda non dispós das claves ou esqueciches as túas credenciais, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. A plataforma de formación online acolle xa unha vintena de cursos, a inmensa maioría deles accesíbeis de maneira gratuíta.
CPXG