O Colexio de Xornalistas acolle con pesar o falecemento de Manuel Fernández Areal

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente o falecemento do xornalista Manuel Fernández Areal con 95 anos. Cunha longa traxectoria profesional, Fernández Areal foi membro do Colexio de Xornalistas e o primeiro decano da actual Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo en Pontevedra.

Nado en Ferrol en 1930, Manuel Fernández Areal estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e Xornalismo na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid, doutorándose máis tarde en ambas as dúas especialidades. En 1950 comezou a súa carreira profesional. Nomeado director do Diario Regional de Valladolid en 1958, foi xulgado por un consello de guerra por un artigo de opinión no que criticaba o servizo militar obrigatorio. Dirixiu tamén os semanarios La Actualidad Española e Mundo Internacional, a axencia de noticias Europa Press, o xornal Segre e dirixiu o programa de debate da TVG A dúas bandas.

Foi profesor na primeira promoción de Xornalismo da Universidad de Navarra, e decano da Facultade de Ciencias da Información da Universidad de La Laguna, antes de incorporarse en 1994 como primeiro decano da daquela Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo. No 2000 foi nomeado catedrático emérito e no 2008 a Facultade concedeulle a insignia de ouro do centro. Autor dunha trintena de libros e numerosos artigos, foi tamén o primeiro presidente da Sociedad Española de Periodística. 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento deste compañeiro e trasladar o cariño de toda a profesión á súa familia e persoas achegadas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia