O Colexio de Xornalistas amplía até o 15 de setembro o prazo para presentarse á X Bolsa Nacho Mirás

Amplíase até o luns 15 de setembro o prazo para enviar propostas á X bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de persoas tituladas recentemente en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.

Poden concorrer a esta convocatoria persoas tituladas nos últimos cinco anos (2025, 2024, 2023, 2022 ou 2021) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos orixinais novos ou iniciados como máximo un ano antes desta convocatoria. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación, e tamén poderán presentarse proxectos xurdidos de Traballos de Fin de Grao ou Fin de Máster. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. 

CPXG