O Colexio de Xornalistas aplaude a anulación da resolución que prohibía a Cuac FM emitir nas ondas

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recibe con satisfacción a noticia do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a resolución adoptada o pasado mes de febreiro pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e permite a Cuac FM emitir na frecuencia modulada. 

A Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia abrira o 21 de setembro de 2017 un expediente sancionador contra Cuac FM por emitir “sen dispor da correspondente licenza”, feito polo que a radio comunitaria anunciara a súa saída do dial. En febreiro deste mesmo ano, a Xunta arquivaba o procedemento, mais prohibindo expresamente que esta emisora puidese volver á FM, ameazando con novos expedientes sancionadores no caso de facelo.

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG comunicou onte a estimación do recurso da emisora coruñesa contra esta prohibición. Na sentenza, o Tribunal Superior salienta que a normativa audiovisual prevé un período en que os operadores poderán seguir emitindo ata que se regule polo Estado, "prevendo a concesión das oportunas licenzas, sen que se producise aínda a regulación normativa en Galicia”. A falta de regulación das emisoras comunitarias, pois, impediu que Cuac FM puidera contar cunha licenza legal “dada a inactividade da Administración”, o que permitiría que gozen dunha "garantía temporal de emisión para a actividade de libre expresión e comunicación".

A sentenza do TSXG, que pode ser recorrida en casación, declara ademais que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu "os dereitos fundamentais da persoa" ao vulnerar o artigo da Constitución española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. Cuac FM celebrará este mércores unha asemblea para decidiren se a radio volve emitir en FM.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa ten manifestado que a situación da Cuac FM e outras emisoras comunitarias teñen fácil solución dentro do disposto pola Disposición transitoria decimocuarta da Lei Xeral da Comunicación, que estabelece que "os servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro que estiveran en funcionamiento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 (...) optarán a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade". Por esta razón, o CPXG volve instar a Xunta de Galicia a desenvolver, no prazo máis curto posíbel, a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de forma que se garanta a supervivencia dos medios comunitarios dentro do ecosistema radiofónico galego.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia