O Colexio de Xornalistas apoia as protestas contra o cambio na designación do Consello de Administración da RTVE

Con motivo dos paros convocados hoxe na Radiotelevisión Española (RTVE) contra o cambio normativo na designación dos membros do Consello de Administración, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere manifestar o seu apoio ao paso adiante dado polo Consello de Informativos contra o Real Decreto aprobado polo goberno central, así como reiterar o seu rexeitamento a esta medida que afonda no control dos partidos sobre o ente público. 

Como xa manifestou a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas nun comunicado, o Real Decreto-Lei 5/2024 aprobado no Consello de Ministros o pasado 22 de outubro outorga a calquera partido que teña maioría absoluta no Congreso o control dos contidos da radio e a televisión públicas, o que pon ao servizo dos intereses políticos un ente cuxa motivación é a de garantir o dereito da cidadanía á información. Fronte a isto, os e as xornalistas levamos anos defendendo un Consello de Administración no que se reduza o poder político mediante a introdución de membros designados por organismos profesionais, como o do modelo proposto xa hai case dúas décadas polo Consello para a Reforma dos medios de comunicación de titularidade do Estado.

O Colexio de Xornalistas quere mostrar a súa especial preocupación polos retrocesos que se están a dar nos últimos tempos na independencia dos medios públicos, impulsados por gobernos de distinto signo. Na nosa comunidade, o Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital persegue exactamente o mesmo obxectivo que o Real Decreto-Lei 5/2024: aumentar o control gobernamental sobre os medios públicos no canto de reducilo, o que significa un atentado contra o dereito da cidadanía a unha información libre e plural. Cómpre salientar, ademais, que ambos os dous cambios normativos son contrarios ao espírito do recentemente aprobado Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, que alerta contra os casos "nos que as reformas lexislativas nos Estados membros aumentaron o control gobernamental dos medios de comunicación de servizo público".

A  avalancha de loiadas e desinformación sufrida nas últimas semanas en relación á DINA de Valencia debera facernos reflexionar sobre a importancia duns medios de comunicación profesionalizados, libres e independentes, que non só serven para garantir o dereito fundamental á información, senón que en determinados momentos mesmo poden contribuír a salvar vidas. Entregar sen trabas o control dos medios públicos, que deberan servir de contrapeso aos intereses comerciais dos privados, ás mans dos partidos políticos no poder é un risco que a sociedade non se pode permitir, menos aínda nuns tempos que semellan anunciar a auxe de populismos e extremismos de todo tipo.    

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia