O Colexio de Xornalistas asina o manifesto 'O parlamento e o goberno degradan o servizo público da RTVE'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia asina o manifesto O parlamento e o goberno degradan o servizo público da RTVE, impulsado pola plataforma Teledetodos e que reivindica que se remate o concurso público para a renovación do Consello de Administración e a presidencia da corporación pública, así como a realización dunha reforma integral da radiotelevisión pública, que conte coa participación da sociedade, para consolidar a función e a rendibilidade social deste servizo.

A Lei 5/2017 dispón que a selección dos membros do Consello de Administración e do Presidente ou Presidenta da RTVE se realizará por concurso público coa participación dun Comité de Expertos, pero o proceso leva paralizado dous anos. Nas últimas semanas, foron moitas as voces que reclamaron que se culmine o concurso público, como o Consello de Europa ou os Consejos de Informativos da RTVE.  

O manifesto foi presentado na tarde de onte, no cadro do debate telemático Xestión e reforma urxente da RTVE, no que estiveron representados o Comité de expertos que realizou a selección das candidaturas no concurso público, os candidatos escollidos por dito Comité de Expertos e organizacións da sociedade civil como a Asociación de Usuarios da Comunicación, a Federación de Sindicatos de Xornalistas ou ACICOM. Ao acto foron convidados todos os grupos parlamentarios que forman a Comisión Mixta de Control Parlamentario da Corporación RTVE, pero só asistiu a representante de Más País-Equo, Inés Sabanés.

As persoas participantes expresaron a súa preocupación pola situación de estancamento que vive a Corporación RTVE desde hai xa máis de dous anos, cunha falta de desenvolvemento do concurso público e unha provisionalidade da dirección que poñen en perigo o futuro da televisión pública e a toma de medidas necesarias para garantir a súa independencia e viabilidade económica. Por todo isto, propúxose denunciar nas institucións europeas (OSCE e Parlamento Europeo) e españolas competentes (CNMC, Defensor del Pueblo), a preocupación polo deterioro institucional da televisión pública, así como os incumprimentos lexislativos derivados tanto da non finalización e desnaturalización do concurso público como da inexistencia dun contrato-programa e dun marco axeitado para as funcións de servizo público da RTVE.

Teledetodos é un grupo de estudo que agrupa a profesionais, académicos, investigadores e á cidadanía e colectivos interesados nun auténtico servizo público de comunicación audiovisual e multimedia. Pretende ser un foro de referencia e documentación para todas as persoas interesadas no sector da comunicación e os seus contidos e publicacións están abertos á participación cidadá.

Este é o texto íntegro do manifesto:

Sen concurso público, sen Consello de Administración, sen reformas

O PARLAMENTO E O GOBERNO DEGRADAN O SERVIZO PÚBLICO DA RTVE

Tres anos despois de modificar por unanimidade de todos os grupos parlamentarios a lei que regula a radio e televisión pública “para recuperar a independencia da Corporación RTVE e o pluralismo na elección parlamentaria dos seus órganos” (Ley 5/2017), o Parlamento aínda non cumpriu a obriga que lle impón esa norma de escoller por concurso público o Consello de Administración e a Presidencia da RTVE. E o Goberno actual, alén de toda prudencia e paciencia ante as dificultades parlamentarias ou sanitarias destes últimos meses, tampouco mostrou ningunha vontade política de impulsar que esta renovación se leve a cabo. Nin a situación do anterior Goberno socialista tras a moción de censura, nin a constitución dun Goberno de coalición progresista hai nove meses, nin sequera a pandemia poden xustificar xa esta omisión e as súas graves consecuencias.

Mesmo no caso, non comprobado, dun boicot da oposición que impedira acadar a maioría parlamentaria de dous terzos precisa para escoller eses cargos, a lei citada contempla unha solución democrática e impecábel: esa elección poderá realizarse por maioría absoluta sempre que sexan propostos polo menos pola metade dos grupos parlamentarios (disposición transitoria 1ª):  tamén  existen solucións legais para acadar a presenza equitativa de xénero no órgano de control sen arruinar o concurso e a reforma audiovisual.

Logo de 26 meses dunha “dirección única”, supostamente provisoria, non só non se avanzou na resolución dos graves problemas da RTVE senón que, tanto a empresa pública como o mesmo concurso, atópanse nunha nova encrucillada que pon en dúbida a súa continuidade e cuestiona a viabilidade do servizo público de comunicación audiovisual.  A mesma titular desa dirección única clamou reiteradamente polo cumprimento das previsións legais. Está en xogo non só a Corporación RTVE senón a supervivencia de todo o servizo público de comunicación e a credibilidade democrática do Parlamento.

Teledetodos, xunto con outras moitas organizacións xornalísticas e da sociedade civil, denunciamos durante anos as contrarreformas e terxiversacións da reforma da RTVE de 2006, que deterioraron o papel social e a imaxe democrática do servizo público; realizamos estudos e dictames, e formulamos propostas detalladas de rexeneración e reforma para actualizar a xestión da Corporación RTVE, adaptándoa ás necesidades e demandas dun servizo público na era dixital, á transparencia e a participación da sociedade civil nunha sociedade democrática. Pero esas reformas necesarias non só non foron postas en marcha senón que, polo contrario, foron adiadas reiteradamente, e agora incumprense ademais as previsións da Constitución Española (artigo 20.3) da súa suxección á lei e as esixencias da Unión Europea do cumprimento da definición legal e o financiamento proporcional do servizo público (Protocolo de Ámsterdam). Por coherencia e compromiso co servizo público, nestas circunstancias non podemos deixar de denunciar a súa degradación en curso baixo o parlamento da XIV Lexislatura e do Goberno de coalición progresista. 

É preciso recoñecer que o servizo público estatal de radio e televisión español retrocedeu nos últimos anos en aspectos esenciais como a ausencia, por vez primeira desde a transición democrática, dun Consello de Administración escollido polo Parlamento que controle a xestión; a falta de vixencia dun mandato-marco que caducou hai tres anos; o nunca negociado contrato-programa, ou os recortes encadeados do orzamento de gastos que fan inviábel o financiamento das súas funcións e a súa vital transición dixital. Factores todos eles que inhabilitan a capacidade de competencia da RTVE fronte a un duopolio privado de enorme potencia, aos que se suma que a prolongación anómala da dirección provisoria engadiu nomeamentos e cesamentos, e decisións de programación que non casan coa súa provisionalidade e carecen de lexitimidade política e democrática. No seu conxunto, tales omisións e decisións viñeron deteriorando sen cesar a imaxe e as taxas de audiencias da RTVE, degradando o seu peso social até o punto de ameazar gravemente hoxe a propia supervivencia do servizo público.

Moi diversas instancias europeas de comunicación  manifestaron recentemente a súa preocupación pola dependencia gobernamental dos medios públicos en España e instaron ás autoridades españolas a designar os administradores legalmente previstos para a Corporación RTVE, co fin de "alcanzar o imperativo de imparcialidade dos medios públicos". Así mesmo, producironse numerosos pronunciamentos do Comité de Expertos que realizou o concurso público, dos candidatos seleccionados nese proceso, dos órganos internos de participación dos traballadores da RTVE e de numerosas entidades xornalísticas e da sociedade civil. Todo isto sen que a Comisión Mixta Congreso-Senado de control parlamentario da Corporación de RTVE reaccionara nin aclarara sequera os prazos e orientaciones das súas decisións. E cun confuso dictame dos letrados do Senado, no que obvian toda a reforma de 2017 para tentar retrotraernos á época dos nomeamentos por cotas partidistas e militantes.

Por todo isto, Teledetodos e as demais organizacións e persoas individuais que asinamos este escrito decidimos volver denunciar unha situación que pode ser cualificada polo menos de alegal e claramente ignorante da legalidade española e europea. Esiximos primeiro a culminación do concurso público como única vía críbel para comezar acadar a imprescindíbel imparcialidade e independencia gobernamental dos medios de comunicación estatais; e convocar despois a unha reforma integral do servizo público, con consenso e participación intensiva da sociedade, que consolide a súa función e a súa rendibilidade social para o futuro.

Como consecuencia, dirixímonos ás autoridades e instancias españolas competentes, parlamentarias, gobernamentais e dos organismos independentes de control dos dereitos  da ciudadanía neste campo (como a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia -CNMC- e o Defensor del Pueblo),  así como aos organismos internacionais, especialmente os europeos nos que nos integramos, que regulan, defenden e controlan o cumprimento do servizo público (como o Parlamento Europeo, o Consello de Europa e a Organización para a Seguranza e a Cooperación en Europa -OSCE-), como o grupo de alto nivel sobre a liberdade de expresión en Europa.

Solicitamos para isto o apoio das organizacións da sociedade civil e de quen, a título personal, queira unirse a esta iniciativa, para continuar as reclamacións tendentes a facer cumprir a lexislación vixente en materia de independencia e pluralidad da Corporación RTVE, e para conseguir dunha forma efectiva a consolidación dun auténtico servizo público de comunicación multimedia e multiplataforma, pivote da axenda dixital española, acorde coas demandas actuais e impregnado dunha participación intensiva da cultura e a sociedade española.

CPXG