O Colexio de Xornalistas chama a combater a revitimización das mulleres nas informacións sobre violencia sexual

En relación con algunhas malas prácticas detectadas en informacións sobre casos de violencia sexual, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar as boas prácticas que deben guiar o noso labor xornalístico e insistir en que o noso labor non só informa, senón que tamén pode contribuír á prevención, concienciación e acompañamento das vítimas, polo que é esencial evitar caer na revitimización. 

Nos últimos días, chegaron ao coñecemento do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia exemplos de mala praxe xornalística relativos a cobertura de casos de violencia sexual en distintos medios galegos. Trátase de informacións que, esquecendo o especial coidado con que é preciso tratar temas tan delicados, inciden en erros como a pormenorización de detalles, a culpabilización das vítimas ou a xustificación dos agresores, que non achegan ningún valor informativo e só aumentan a dor das persoas afectadas. 

O Código Deontolóxico do Xornalismo Galego advirte sobre a necesidade de evitar prexudicar a dignidade das persoas, así como de respectar o seu dereito á propia intimidade e imaxe, especialmente ao tratarse de acontecementos que xeren situacións de aflición ou dor. A violencia sexual, como forma de violencia contra as mulleres, é unha violación dos dereitos humanos e un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas, e contra ela non cabe a neutralidade, como ben recolle a Declaración de Compostela. O xornalismo ten que tomar partido, non só na súa erradicación, senón tamén na eliminación dos discursos e relatos que vitimizan dobremente as mulleres que a sufriron. 

Co obxectivo de ofrecer información e evitar a revitimización, é importante coidar ao extremo a elaboración das pezas informativas. As fontes expertas son as idóneas para proporcionar contexto e difundir recursos ou servizos para as vítimas, mentres que as veciñais ou testemuñais non adoitan achegar información de calidade e redundan nos estereotipos e o sensacionalismo. Á hora de informar sobre un caso específico, como un proceso xudicial, cómpre pór máis a carga no delito cometido que na descrición pormenorizada dos acontecementos ou en trasladar de xeito minucioso a mecánica dos feitos ou as lesións, xa que estes son datos que, se ben resultan impactantes, non achegan información relevante por seren máis detallados.

Na descrición do acontecido, é posíbel caer na culpabilización da vítima (sexa pola súa conduta, vestimenta...) ou na xustificación do agresor (por exemplo ao referenciar problemas de saúde mental ou consumos), polo que é aconsellable revisar con especial atención que a información non caia en ningún destes extremos. Cómpre evitar revelar datos ou imaxes da vítima sen o seu consentimento, que poidan conducir á súa identificación, e este coidado debe ser aínda máis rigoroso se falamos de menores de idade.

Os ritmos e as dinámicas da profesión poden provocar nalgunhas ocasións eivas nas informacións, mais estas indicacións non significan máis que o desenvolvemento das normas deontolóxicas básicas do xornalismo e a aplicación na práctica do precepto ético de non aumentar a dor das vítimas. Para garantir que sexan sempre respectadas, o Colexio de Xornalistas ten a disposición dos e das profesionais documentos como a Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller, as Conclusións da xornada "O papel dos medios na información de xénero' ou as Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e xénero, e traballa actualmente para levar ás redaccións galegas formación específica sobre o tratamento das violencias contra as mulleres.

Outros textos que poden ser de utilidade nestes casos son Cómo comunicar en casos de violencia sexual contra las mujeres, a Guía para informar sobre las agresiones sexuales Mujeres valientes, a Guía urgente para comunicar con perspectiva en niñez: Violencia sexual contra niñas, niños y adolescentes ou o Manual de estilo para el tratamiento de la violencia machista y el lenguaje inclusivo en los medios de comunicación. Mais a responsabilidade final de contribuír a combater as violencias machistas e acompañar as vítimas é nosa, das e dos profesionais da información. Correspóndenos a nós actuar con ética e realizar o noso traballo coa responsabilidade que require.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia