O Colexio de Xornalistas chama a dar pasos valentes para asegurar o mantemento do xornalismo en galego

Cando se fan 150 anos do primeiro xornal en galego, O Tío Marcos d'A Portela, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chama ás administracións e ás direccións dos medios a tomaren medidas que garantan a supervivencia dunha comunicación nesta lingua coa que se poida reflectir mellor a sociedade galega, a través dun modelo axeitado de axudas e de prácticas xornalísticas que non deixen a información en galego no meramente anecdótico. 

Este sábado, 7 de febreiro, faránse 150 anos desde a saída do prelo do número un de O Tío Marcos d'A Portela, o primeiro xornal redactado integramente en galego, impulsado por Valentín Lamas Carvajal. A data serve de celebración do xornalismo nesta lingua, a través do Día dos Medios en Galego, que cada ano organiza a AMEGA. Mais compre lembrar que o galego xa iniciara antes unha débil pero constante relación co xornalismo. Este mesmo 5 de febreiro facíanse 214 anos do primeiro escrito xornalístico en galego, unha carta á Gazeta de Santiago asinada por Ramón González Senra, e até antes diso xa se publicaran textos líricos noutras publicacións informativas. A información en galego, fronte a todos os impedimentos, seguiu a sobrevivir e marcou distintos fitos na prensa diaria, a radio, a televisión e a información dixital. A crise dos medios en galego de comezos da ségunda década dos 2000 deixou unha forte pegada no sector, mais, mesmo así, a AMEGA constata uns 140 medios que continúan a usar a lingua a día de hoxe.

A práctica do xornalismo durante estes máis de dous séculos é un legado que é preciso conservar e manter, non só pola súa evidente importancia para garantir a supervivencia do idioma, senón tamén pola necesidade dun ecosistema mediático forte e plural que se pareza cada vez máis á cidadanía que quere reflectir. Neste sentido, son necesarios pasos decididos e firmes tanto desde as administracións como desde as direccións dos medios que fortalezan a información nesta lingua e que aseguren o seu mantemento tanto na actualidade como no futuro. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten insistido en numerosas ocasións na necesidade de regular dunha maneira eficiente as axudas e mesmo a concesión de publicidade institucional, trasladando á Xunta de Galicia diversas propostas neste sentido, para asegurar un xornalismo en galego autónomo, independente e plural, que non sexa apenas unha presenza anecdótica entre moreas de información en castelán. O ano pasado, o foro participativo Un país coa súa lingua, impulsado polo Consello da Cultura Galega e no que participou o Colexio, insistía nesta mesma liña e propuña tamén outras medidas, como un código de boas prácticas para que os medios respecten a lingua orixinal das declaracións en galego, estabelecer un plan plurianual de dixitalización e licenza do patrimonio audiovisual ou impulsar formación específica.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ratifica o seu compromiso coa lingua e volve chamar ás e aos responsábeis políticos e xornalísticos a tomaren medidas valentes para asegurar que a información en galego vai durar mil primaveras máis. Neste ano, no que se fai século e medio do nacemento do primeiro xornal nesta lingua, o Día das Letras vai estar dedicado a Begoña Caamaño, xornalista colexiada cunha grande implicación na defensa da profesión e da supervivencia do idioma. Que mellor maneira de celebrala que garantir dunha vez por todas o futuro dun xornalismo nesta lingua, que represente mellor e máis fielmente a sociedade galega.    

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia