O Colexio de Xornalistas colabora coa Asociación de Prensa de Lugo na organización dun debate entre Javier Arias, Olalla Rodil e Lara Méndez

A Asociación de Prensa de Lugo , en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, organiza este mércores 14 de febreiro un debate electoral con membros dos tres partidos que actualmente teñen representación no Parlamento de Galicia. Será ás oito da tarde no salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8), será aberto ao público e será retransmitido en directo a través dos canais de Youtube das entidades convocantes grazas ao traballo dos alumnos do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. A sesión tamén quedará gravada para o seu visionado posterior.

Participarán no debate a cabeza de lista da candidatura do Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, e os números dous das candidaturas do Partido Popular, Javier Arias, e do Partido dos Socialistas de Galicia, Lara Méndez. As entidades convocantes do encontro convidaron a debater aos números un das candidaturas popular, Elena Candia, e socialista, José Ramón Gómez Besteiro, quen ademais é candidato á presidencia da Xunta, pero ambos rexeitaron participar. O debate será moderado polo xornalista Arsenio Coto, membro da Asociación da Prensa de Lugo.

O debate celebrarase na recta final da campaña electoral do 18-F, a só catro días da xornada de votación. E co ánimo de que sexa o máis dinámico posible e de que cada un dos candidatos poida presentar de forma directa e sintética as propostas que as súas formacións teñen para algúns dos problemas que máis preocupan aos cidadáns, e que, á vez, poidan confrontalas, o formato elixido nesta ocasión non é o habitual esquema de grandes bloques temáticos. A Asociación da Prensa e o Colexio de Xornalistas elixiron dez asuntos que consideran que están no debate público e que son clave para o devir de Galicia e o moderador introduciraos cunha ou varias preguntas para invitar aos candidatos a falar e a debater sobre eles. O debate durará unha hora e non haberá preguntas do público.

O acto será retransmitido en streaming, a través desta ligazón. Nas canles en YouTube da Asociación de Prensa e do Colexio de Xornalistas quedará tamén a gravación para quen desexe consultala a posteriori. Este traballo realizarano alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual, baixo a supervisión do profesorado. 

CPXG